Estás en:Novas

A Deputación apoia o Concello de Camariñas para sufragar os case 100.000 euros de gastos da Mostra do Encaixe 2020

A través dun convenio o ente provincial achegará 45.000 euros para o financiamento do evento, que debido á pandemia se celebrou este ano de forma virtual

A Deputación apoia o Concello de Camariñas para sufragar os case 100.000 euros de gastos da Mostra do Encaixe 2020

A Deputación da Coruña e o Concello de Camariñas financiarán de xeito conxunto os case 100.000 euros de gastos que xerou a Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña 2020.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, asinaron hoxe o convenio polo que o ente provincial achegará 45.000 euros, o 45% do total, para financiar os gastos que xa estaban executados antes da súa cancelación no mes de marzo, por prudencia e responsabilidade, debido á declaración do Estado de Alarma.

Ademais, neste acordo tamén se inclúe o financiamento da primeira Mostra Virtual da historia, un acontecemento organizado polo Concello de Camariñas durante a Semana Santa para que non se perdese o espírito da Mostra, adaptándose ao confinamento obrigado derivado da pandemia da COVID-19. Un evento que tivo un gran éxito ao apañar unha audiencia de 237.962 usuarios, que visualizaron desde os seus fogares os 175 vídeos que se sucederon desde o mércores ata o domingo no Facebook da Mostra (@mencaixedecamarinas) e na canle de Youtube do evento. Todos os protagonistas habituais da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña tiveron o seu oco nesta edición virtual.

"Quixemos apoiar o Concello de Camariñas mantendo a mesma porcentaxe sobre o total de gastos que se viña achegando cando a Mostra se podía levar a cabo con normalidade", explicou González Formoso que tamén lembrou que "no mes de febreiro redobramos a nosa aposta por este evento, que pasou a incorporar á Deputación na súa nomenclatura oficial, e a nosa idea segue sendo a mesma xa que o encaixe de Camariñas é patrimonio provincial".

Pola súa parte, Sandra Insua agradeceulle "á Deputación e ao seu presidente o esforzo que está a facer neste ano tan difícil porque sen este apoio económico sería moi difícil para nós facer fronte aos gastos que xa tíñamos da Mostra: a súa promoción, a montaxe ou a consignación dos premios do concurso de deseñadores mozos".

Páxinas suxeridas