Estás en:Novas

A Deputación da Coruña colabora no plan de promoción turística do Concello de Outes

Apoia con case 18.000 € o proxecto de promoción da marca "en Outes!" para revitalizar o sector despois da pandemia

A Deputación da Coruña colabora no plan de promoción turística do Concello de Outes

A área de Turismo da Deputación da Coruña colabora co Concello de Outes na dinamización e promoción dos recursos turísticos do municipio e, en especial, na creación e posicionamento da marca "en Outes!". O orzamento da achega da Deputación ascende a 17.753,96 € que se destinarán á mellora da comunicación e o posicionamento do destino turístico.

O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e o alcalde de Outes, Manuel González, asinaron o convenio de colaboración, que foi aprobado no pleno de hoxe día 30 de decembro, para a promoción turística do concello.

O acordo contempla a achega por parte da área de Turismo da Deputación da Coruña de 17.754 € que supoñen o 80% do orzamento do proxecto que ascende a 22.192,45 €. Na iniciativa inclúese o deseño da imaxe corporativa que aglutine todas as opcións de comunicación baixo a mesma marca "en Outes!" e o apoio a distintas ferramentas para a súa promoción. Entre outros produtos novos, engádese a elaboración dunha guía e un vídeo turístico que dean a coñecer a diversidade de recursos naturais e patrimoniais que desperte o interese de visitantes ademais da creación dun arquivo fotográfico para difundir os distintos puntos de atractivo turístico ademais de alimentar os soportes promocionais.

Xunto a estas actividades, o Plan de Promoción Turística do Concello de Outes dedica unha especial atención á difusión en redes sociais e outras ferramentas dixitais que serán algúns dos medios de promocionar o concello tanto por medio do banco fotográfico como polo vídeo turístico que percorre algúns dos principais recursos, paisaxes e posibilidades de ocio do destino turístico. Neste sentido, o acordo inclúe a creación de perfís oficiais en instagram, facebook ou youtube que axuden a conectar co público xeral e que segmente o público para facer a comunicación máis efectiva, dirixíndose especialmente á propia contorna do concello.

Os obxectivos son a mellora do posicionamento do destino turístico, a comunicación e o marketing emocional e ofrecer unha imaxe innovadora e positiva do Concello de Outes como destino turístico, en especial, neste tempo en que a pandemia afectou de maneira acusada o sector.