Estás en:Novas

A área de Cultura da Deputación da Coruña destina máis de dous millóns e medio de euros a seis liñas de axuda para revitalizar o sector

Sumaranse en breve as destinadas ao sector privado, a contratación de concellos ou a festivais para apoiar a cultura despois da crise da COVID

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, destaca a renovación do compromiso co sector, en especial, co mantemento e creación de emprego

A área de Cultura da Deputación da Coruña destina máis de dous millóns e medio de euros a seis liñas de axuda para revitalizar o sector

A área de Cultura da Deputación da Coruña convoca seis liñas de axuda por un importe total de 2.580.000 € aos que se sumarán en breve as subvencións destinadas a contratación de persoal nos concellos, dúas de festivais -unha para entidades e outra para concellos- e dúas para o sector privado, para proxectos de especial interese e para difusión de produtos audiovisuais en galego.

Coa publicación de seis liñas de axuda en concorrencia competitiva ás que se sumarán en breve cinco convocatorias máis, a área de Cultura da Deputación da Coruña reafirma o seu apoio ao sector e, en especial, a súa revitalización despois da COVID que afectou especialmente ao mundo cultural.

Son en total 2.580.000 € que se reparten en seis liñas de axuda cun orzamento que se verá amplamente incrementado coa publicación proximamente das cinco convocatorias anuais que completan o mapa de apoio ao sector en concorrencia competitiva que son as dúas de festivais, a de proxectos especiais e distribución de produtos audiovisuais e a de contratación de persoal técnico cultural nos concellos.

"As convocatorias responden, en primeiro lugar, ao recoñecemento do papel que desenvolven as asociacións de base no desenvolvemento e promoción da nosa cultura e tamén, de maneira especial nesta edición, ao compromiso por apoiar a súa actividade e afortalar as súas estruturas, con especial obxectivo neste ano no mantemento e a creación de emprego no sector", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

No último BOP do ano que vén de rematar, fixéronse así públicas seis convocatorias, unha delas destinada a apoiar as actividades de fundacións e entidades privadas sen fins de lucro titulares de museos, centros de interpretación ou bibliotecas que este ano está dotada con 500.000 €.

De igual maneira, o boletín oficial incluíu a publicación das dúas convocatorias creadas para apoiar as entidades sen ánimo de lucro que dinamizan e promoven a cultura ao longo de todo o territorio. Para os seus programas de actividades culturais a Deputación da Coruña contempla un orzamento de 900.000 € ao que se lle suman 300.000 € para investimentos.

Para as corais polifónicas, bandas de música populares, entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de grande formato da provincia da Coruña contémplase un orzamento de 480.000 € para os seus programas de actividades e 200.000 para investimentos. Finalmente, por segundo ano consecutivo, convócase a liña de axudas para entidades que representan os distintos sectores profesionais e amadores da cultura galega para o que se dedican 200.000 €.

Nas convocatorias desta nova edición destácase que nunha realidade social, económica e cultural claramente condicionada pola crise socio-sanitaria da COVID19, a área de Cultura da Deputación da Coruña "renova a súa aposta polo apoio ao sector cultural en todas as súas dimensións, e moi especialmente naquelas máis directamente vinculadas á creación de emprego e mantemento de estruturas profesionais e creativas".

Do mesmo xeito, indícase a necesidade de que as entidades solicitantes teñan en conta o contexto COVID no deseño do seu plan de actividades, e nas datas, formatos e posibilidades reais de desenvolvemento deste. Gabinete de Prensa Deputación da Coruña

Páxinas suxeridas