Estás en:Novas

A Deputación licita por 130.000 euros a construción de 24 fontes de auga públicas no Camiño Inglés

A iniciativa busca ofrecer puntos de abastecemento de auga seguros para peregrinos e mitigar o impacto ambiental derivado do consumo de auga embotellada.
O proxecto forma parte da iniciativa Life Water Way, contando con financiamento europeo.

A Deputación licita por 130.000 euros a construción de 24 fontes de auga públicas no Camiño Inglés

A Deputación da Coruña licita por 129.931,16 euros a instalación de 24 fontes de auga públicas no Camiño Inglés. O proxecto permitirá crear puntos de abastecemento seguros cada 6 quilómetros, aproximadamente, para que peregrinos e peregrinas poidan encher as súas cantimploras de xeito periódico e así mitigar o impacto ambiental do consumo de auga embotellada.

Deste xeito, a área de Turismo da Deputación da Coruña instalará 24 fontes que estarán conectadas ás redes municipais de abastecemento nos concellos polos que transcorre esta vía: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, Carral, Culleredo, Fene, Ferrol, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela. Todas elas contarán cun deseño común, baseado en elementos naturais como pedra e madeira, co obxectivo de que os e as camiñantes poidan recoñecelas como punto seguro para poder abastecerse de auga.

Esta actuación permitirá crear un servizo moi necesario tanto para visitantes como para as persoas que residen no municipio. Á súa vez, mitigarase o impacto ambiental derivado do consumo de auga embotellada nas sendas naturais e itinerarios culturais europeos.

Esta acción enmárcase no proxecto europeo Life Water Way (LWW), cuxa posta en marcha se asinaba no 2018. LWW conta coa participación da Deputación da Coruña, Augas de Galicia, Consellería de Sanidade, Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia, sendo o beneficiario coordinador o Concello de Abegondo. Deste modo, a iniciativa está cofinanciada polo instrumento financeiro LIFE da Unión Europea para o desenvolvemento de accións medioambientais e climáticas a través dos fondos LIFE Medio Ambiente e Eficiencia no Uso dos Recursos. O prazo de execución das obras é de tres meses.