Estás en:Novas

A Deputación da Coruña colabora co Concello de Noia na promoción do sector turístico

O proxecto, para o que Turismo da Deputación achega 14.520 € inclúe a creación da marca e a súa estratexia dixital

A Deputación da Coruña colabora co Concello de Noia na promoción do sector turístico

O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira,  e o concelleiro de Cultura e Turismo do Concello de Noia, José Pérez, asinaron un acordo de colaboración para a promoción e reactivación do sector turístico no municipio.

Desta maneira, Deputación contribuirá ao financiamento da campaña de promoción do turismo de Noia cun total de 14.520 €, o 80% do orzamento total da iniciativa que inclúe a creación da marca turística de Noia, o portal de turismo e a estratexia de mercadotecnia dixital do destino.

Ademais, o proxecto inclúe a impresión de 10.000 dípticos co mapa turístico, rutas e destinos do territorio e o plan turístico para reactivar a hostalaría.

A iniciativa ten como obxectivo a promoción e reactivación do sector turístico despois da repercusión da Covid19 que produciu unha notábel caída de visitantes e pon en cuestión a sostibilidade do sector privado e supón tamén un prexuízo para os servizos que o territorio oferta no mercado turístico.

O proxecto "trata de poñer en valor o amplo e valioso patrimonio cultural do concello de Noia e mellorar a dinamización turística, principalmente mediante a proxección mediática do municipio a través das novas tecnoloxías".

O Concello de Noia, co apoio da Deputación, busca dirixirse a unha nova xeración de turistas que consumen información personalizada a través da rede e, por iso, prima a creación de información que se poida atopar a través dos buscadores habituais ou as redes sociais e que xere opinións que avalan a calidade do destino. O proxecto considera que o sector precisa das novas ferramentas de comunicación e os novos recursos de mercadotecnia dixital para ofrecer plataformas onde comentar experiencias, achegar opinións doutras persoas viaxeiras, unha maior cobertura informativa e unha mellor posición.

Páxinas suxeridas