Estás en:Novas

A Deputación colabora co Concello de Laxe na adquisición dun novo camión do lixo

A institución provincial achegará a través do Plan único o 76% do custo do novo camión, que sae a licitación por 158.873 euros

A Deputación colabora co Concello de Laxe na adquisición dun novo camión do lixo

A Deputación da Coruña colaborará economicamente co Concello de Laxe na adquisición dun novo camión de lixo para o municipio.

A subministración acaba de saír a licitación na Plataforma de Contratación do Estado cun orzamento máximo de 158.873 euros, dos que a institución provincial achegará o 76,4% (121.310 euros) a través dos fondos do Plan único (POS+2020).

O Concello de Laxe dispón actualmente dun vehículo de recollida de residuos sólidos urbanos que ten unha antigüidade superior a 20 anos e que sofre numerosas avarías, o que ocasiona un gasto elevado en reparacións e mantemento e unha prestación deficiente do servizo.

O novo vehículo permitirá mellorar a recollida de lixo na localidade e evitar os numerosos gastos debido ás continuas avarías do vello camión. Deberá ter un mínimo de 290 CV de potencia, volume de caixa de 12 metros cúbicos, mecanismo de compactación, elevador de cubos e contedores e cumprir os estándares europeos e requisitos xerais de seguridade para vehículos de recollida de residuos, seguridade de máquinas e emisións sonoras.

O prazo de presentación de ofertas remata o 14 de xaneiro.

Páxinas suxeridas