Estás en:Novas

A Deputación da Coruña interésase pola investigación na Croa do Castro en Malpica

Xosé Regueira propón desenvolver o proxecto de maneira conxunta Concello, Deputación e Xunta

Patrimonio da Deputación e o Concello iniciarán no primeiro trimestre a remusealización do Forno do Forte

A Deputación da Coruña interésase pola investigación na Croa do Castro en Malpica

O vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira e o deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas, reuníronse con representantes do goberno municipal de Malpica de Bergantiños para traballar conxuntamente en dous proxectos de especial interese patrimonial como son a Croa do Castro e o Museo da Olería do Forno do Forte. Xosé Regueira destacou a relevancia das dúas iniciativas para o futuro cultural e turístico do concello e de toda a Costa da Morte.

Na xuntanza, que se desenvolveu na Deputación da Coruña, o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e o deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas, reuníronse coa concelleira de Cultura, Olaría, Igualdade e Patrimonio, Leticia Varela e o concelleiro Miguel Varela para avanzar en dous proxectos de especial interese na promoción patrimonial, cultural e turística do concello.

Por unha banda, os representantes municipais puxeron sobre a mesa a necesidade de colaboración institucional no desenvolvemento das investigacións da Croa do Castro de Cerqueda do que se realizou o pasado mes de novembro a prospección xeofísica con gradiómetro. Ao respecto, Xosé Regueira mostrou a dispoñibilidade da Deputación da Coruña a colaborar nesta iniciativa coa participación dun convenio a tres partes no que, ademais do propio Concello de Malpica de Bergantiños, tería que participar o departamento de Patrimonio da Xunta de Galicia.

"Un convenio a tres sería a fórmula máis acaída para un proxecto que precisa a participación das tres institucións implicadas e que contribuiría a avanzar nunha investigación que pode dar pasos adiante non só no coñecemento da nosa historia senón tamén na atracción patrimonial da Costa da Morte", sinala Xosé Regueira.

A concelleira Leticia Varela apuntou tamén que esta investigación pode dar a luz a importantes datos da historia e, de maneira especial, do pasado da cerámica de Buño que sería unha das razóns da condición estratéxica da escavación.

Pasos adiante para o Forno do Forte

Na reunión déronse pasos tamén á remusealización do Forno do Forte de cara a converterse no gran Museo da Olaría de referencia que destaque e promove un dos principais recursos turísticos e patrimoniais do concello. Neste sentido, o deputado de Patrimonio, Xosé Luís Penas, informou do procedemento polo que se destinará un orzamento de 30.000 euros a este proxecto. O obxectivo é dedicar a totalidade das estancias e toda a contorna do inmóbel a museo da olería, con especial atención á produción de Buño e a Costa da Morte mais incluíndo a artesanía en barro de todo o territorio galego.

Tanto o deputado Xosé Luís Penas como a concelleira Leticia Varela puxeron en común distintos aspectos dunha actuación que se desenvolverá conxuntamente e que suporá a dedicación de todas as instalacións a olería, percorrendo todos os períodos creativos, e todas as propostas, desde as máis tradicionais ás máis innovadoras.

As tres novas salas que se incorporarán a espazos dedicados á olaría dedicaranse a sala multiusos, novas creacións e exposicións temporais, que acollerán de maneira especial creadores e creadoras de Buño e de toda a Costa da Morte e tamén de outras zonas de produción oleira.

As dúas institucións dan así pasos adiante no proceso de renovación do Forno do Forte, propiedade da Deputación da Coruña con xestión de visitas por parte do Museo de Malpica de Bergantiños, institucións que asinarán en breve un novo convenio de colaboración que incluirá a modernización da cartelaría e a incorporación de nova sinaléctica e música ambiental.

Plan de Igualdade

Finalmente, nas conversas entre representantes das dúas institucións, valorouse a posibilidade de que a Deputación da Coruña, a través da área de Igualdade, puidera colaborar na elaboración do Primeiro Plan de Igualdade do concello de Malpica de Bergantiños. Gabinete de Prensa Deputación da Coruña

Páxinas suxeridas