Estás en:Novas

O Arquivo da Deputación dedica o “Documento do mes” a Emilia Pardo Bazán no seu centenario

Recupera un documento de préstamo dun centenar de libros da Biblioteca Provincial a Emilia Pardo Bazán, no ano 1887

Todos os libros están escritos en lingua francesa e constituíron a base do seu estudo titulado 'A revolución e a novela en Rusia'

No ano no que se conmemora o centenario do seu pasamento publicaranse diferentes documentos relacionados coa autora

O Arquivo da Deputación dedica o “Documento do mes” a Emilia Pardo Bazán no seu centenario

A Deputación da Coruña quixo recuperar como o 'Documento do Mes' do seu Arquivo o xustificante do préstamo dun centenar de obras da Biblioteca Provincial a Emilia Pardo Bazán no ano 1887.

Todos estes libros que colleu prestados a autora están escritos en lingua francesa e constituíron a base do seu estudo titulado 'A revolución e a novela en Rusia', que nace dunha serie de tres conferencias pronunciadas na primavera de 1887 no Ateneo de Madrid. 'La Russie politique et sociale' de Tikhomirov ou 'Le roman russe' de Vogüe, son algunhas das súas lecturas para dar contexto e tamén once obras de Turguénev, oito de Tolstoi, catro de Dostoievski, Lérmontov, Pushkin, Goncharov e Gógol, destacan nas súas lecturas.

A Deputación da Coruña pretende facer un pequeno homenaxe á autora no ano no que se conmemora o centenario do seu pasamento e publicará todos os meses un documento da relación de Emilia Pardo Bazán coa Biblioteca Provincial. Así, á vez, continúa visibilizando o traballo de dixitalización do Arquivo Provincial polo seu valor como parte do noso patrimonio cultural, fonte de información e memoria das sociedades pasadas. Estas publicacións están comentadas pola historiadora e directora do Arquivo Provincial, Carmen Molina.

Entre os numerosos fondos documentais do Arquivo Provincial, acumulados ao longo de case 200 anos de historia, pódense atopar antigas postais e mapas, así como os proxectos orixinais elaborados por prestixiosos arquitectos e enxeñeiros para obras públicas singulares como a Casa Cuna de Ferrol, o peirao do porto de Mugardos ou Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

Ligazón ao Documento do mes de xaneiro do Arquivo da Deputación da Coruña:

https://arquivo.dacoruna.gal/files/6716/0975/1984/Documento_do_mes_Xaneiro-Emilia.pdf