A Deputación financia a través do Plan Único a pavimentación das rúas Muíños e Doutor Francisco Malvar Vázquez, en Fene
A actuación, que sae a licitación cun orzamento de 131.263,03 euros, inclúe tamén a renovación da rede de saneamento na rúa Muíños
A Deputación da Coruña financia a través do Plan Único a pavimentación das rúas Muíños e Doutor Francisco Malvar Vázquez, no Concello de Fene.
A actuación ven de saír a licitación no perfil de contratante do Concello e conta cun orzamento de 131.263,03 euros, dos que a Deputación achega 106.028,14 euros a través do Plan Único de Concellos.
A través deste proxecto mellorarase o firme existente das dúas rúas citadas e, no caso da rúa Muíño, tamén se renovará a rede de saneamento para canalizar as augas residuais das vivendas ao colector existente na rúa Malvar Vázquez mediante un colector enterrado e así solucionar os problemas de atascos que está a ter na actualidade. Ademais, tras o pavimentado, procederase ao pintado da vía e á instalación da sinalización vertical.
O prazo para a execución dos traballos é de 3 meses e o último día para que as empresas presenten as súas ofertas ao proceso de licitación é o 2 de febreiro.