Estás en:Novas

A Deputación da Coruña destina máis de un millón de euros a festivais culturais

A área de Cultura mantén o nivel de apoio ao considerar os eventos necesarios para a reactivación do sector cultural.

Xurxo Couto destaca a relevancia dos festivais para a contratación cultural e a dinamización do turismo

A Deputación da Coruña destina máis de un millón de euros a festivais culturais

A área de Cultura da Deputación da Coruña destina máis de un millón de euros a festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas a través de dúas liñas de subvencións, un destinada a entidades e outra a concellos organizadores. O deputado de Cultura, Xurxo Couto, destacou a aposta por manter o apoio nun ano en que é especialmente importante afortalar o sector cultural tan afectado pola crise do coronavirus.

A Deputación da Coruña, a través da área de Cultura, decidiu manter o apoio a festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas co fin de contribuír á recuperación do sector que está a padecer a crise do coronavirus. "Para nós é fundamental apostar polo apoio ao sector cultural e participar na saída da crise subvencionando os festivais para que, con todas as medidas sanitarias que se precisen, supoñan unha ferramenta para a dinamización tanto de artistas como de empresas que se dedican á xestión, produción e difusión dos eventos", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

O BOP de hoxe recolle así as dúas convocatorias coas que se apoia a celebración de festivais, unha para os organizados por concellos e entidades locais que conta cun orzamento de 550.000 € e outra para os organizados por entidades para os que se consignan 500.000 €. Os de concellos poderán optar a axudas de até 80.000 € mentres que os de entidades poderán alcanzar un máximo de 60.000€ de financiamento por parte da Deputación da Coruña.

A área de Cultura da Deputación da Coruña convértese, un ano máis, na institución que máis apoia o desenvolvemento dos festivais na provincia, con cantidades económicas que, en catro anos, moitas veces duplicaron ou mesmo triplicaron as cantidades recibidas e reverteron na mellora das condicións sociolaborais e organizativas dos eventos subvencionados.

"Este apoio á actividade cultural é un dos obxectivos destas dúas liñas de subvencións que, xunto coa Rede Cultural, significa unha aposta pola contratación e a mellora da situación laboral e económica do sector profesional da cultura que, infelizmente, non se corresponde coas propostas doutras administracións públicas locais e galegas", sinala Xurxo Couto ao tempo que defende que, neste novo contexto provocado pola covid, é preciso "centrar aínda máis os esforzos en manter a empregabilidade e a viabilidade das empresas do sector".

Ademais, a área de Cultura, a través do seu representante Xurxo Couto, defende que os festivais son "unhas ferramentas de primeiro nivel na difusión da cultura galega e tamén na achega de novos públicos para a nosa cultura, o que responde ao lema que empregamos de que a cultura é un dereito e, como tal, ten que ser tratada polas administracións públicas".

Nas bases da convocatoria apúntase que o futuro esixe avanzar da man dos propios eventos na procura dunha maior estabilidade orzamentaria, dun maior equilibrio nas axudas recibidas por parte das diferentes administracións e dunha comprensión e asunción das problemáticas que presenta a propia evolución do sistema de festivais, que medraron en número e orzamentos nos últimos anos. 

Páxinas suxeridas