Estás en:Novas

A Deputación financia con 94.733 euros as obras de renovación das beirarrúas de Obre, en Noia

As obras financiaranse con cargo ao Plan Único e permitirán mellorar a accesibilidade e seguridade, renovando tamén rede de abastecemento de auga potable e as acometidas das vivendas da zona

A Deputación financia con 94.733 euros as obras de renovación das beirarrúas de Obre, en Noia

A Deputación da Coruña financia a reparación da beirarrúa norte da estrada AC550 ao seu paso polo núcleo de Obre, no concello de Noia. O ente provincial destina 94.733,86 euros con cargo ao Plan Único para levar a cabo esta actuación, que está en fase de licitación.

Na actualidade a beirarrúa conta con graves deficiencias, presentando gretas, lousas rotas e bordo desnivelado e con roturas, onde a vexetación comeza a xurdir.

Así pois, levaranse a cabo tarefas na zona que vai do número 2 ao 26, no Obre, para corrixir estes problemas e dotar aos peóns dun espazo accesible e seguro para o seu tránsito. Para a nova beirarrúa dispoñerase un pavimento de formigón armado de cor gris, con acabado semipulido.

Dentro do proxecto renovarase tamén o sistema de recollida de pluviais, que está atascado na actualidade, así como a tubaxe de abastecemento de auga potable e as acometidas das vivendas.

As obras están en fase de licitación e as empresas que estean interesadas en presentar as súas propostas poderán facelo ata o 3 de febreiro de 2021.

Páxinas suxeridas