Estás en:Novas

A Deputación destina preto dun millón de euros para crear emprego entre os menores de 30 anos nos concellos rurais da provincia

Hoxe ábrese o prazo para solicitar as axudas, que teñen como obxectivo garantir o relevo xeracional no rural, creando 80 empregos e apoiando a posta en marcha de 60 proxectos empresariais

O deputado de Emprego, José Ramón Riobóo, destaca que as axudas responden a un dos obxectivos estratéxicos do goberno provincial presidido por Valentín González Formoso: facer fronte ao declive demográfico que experimenta o rural galego

A Deputación destina preto dun millón de euros para crear emprego entre os menores de 30 anos nos concellos rurais da provincia

Foto Arquivo. Valentín González Formoso e José Ramón Rioboo na presentación do PEL

Mañá, 22 de xaneiro, abrirá o prazo para solicitar as axudas PEL-Relevo e PEL-Rurinnova dirixidas a menores de 30 anos impulsar a creación de emprego e a posta en marcha de novos proxectos empresariais no rural da provincia.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe a convocatoria das dúas liñas de axuda enmarcadas no Plan de Emprego Local (PEL), que contan cun orzamento total de 921.000 euros, do que o 80% é subvencionado polo Programa Operativo de Emprego Xuvenil, Fondo Social Europeo.

A mocidade menor de 30 anos poderá solicitar ambas axudas desde mañá, 22 de xaneiro, ata as 14:00 horas do 31 de decembro de 2021,no caso das subvencións PEL-Relevo, e ata as 14:00 horas do 30 de abril de 2021, para as do PEL-Rurinnova.

A Deputación busca a través destas liñas a creación de novas empresas, fomento do autoemprego e configuración de postos de traballo estables e de calidade para a mocidade menor de 30 anos que viva en municipios da provincia que conten con menos de 5.000 habitantes ou con menos de 10.000 habitantes que presenten un saldo demográfico negativo.

"Ambos programas demostraron ser de enorme utilidade á hora de fixar a poboación nas zonas máis rurais e contribuír ao seu desenvolvemento a través do apoio ao emprendemento da mocidade", indica o deputado de Emprego do ente provincial, José Ramón Riobóo, que destaca que as axudas "responden a un dos obxectivos estratéxicos do goberno provincial presidido por Valentín González Formoso: facer fronte ao declive demográfico que experimenta o rural galego, ofrecendo unha oportunidade á mocidade que aposta por quedarse no seu pobo e crear aí o seu proxecto vital e laboral", afirmou.

80 novas contratacións para garantir o relevo xeracional

A liña de axudas PEL-Relevo, que conta cun orzamento total de 432.000 euros, permitirá subvencionar a contratación de 80 mozas e mozas menores de 30 anos nas empresas e microempresas dos municipios aos que se dirixe o programa. As contías das axudas que se han conceder poderán oscilar entre un mínimo de 2.700 euros e un máximo de 28.500 euros. O prazo para participar na convocatoria estará aberto desde o 22 de xaneiro ata as 14:00 horas do 31 de decembro de 2021.

As axudas estarán limitadas ás empresas que realicen contratacións indefinidas a tempo completo. Como requisitos fundamentais para a mocidade contratada: estar inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil e estar empadroada nun dos municipios coas características poboacionais definidas con anterioridade. Cada empresa poderá efectuar a solicitude de subvención para contratar entre unha e ata cinco persoas mozas traballadoras distintas.

A través de PEL-Relevo búscase o relevo xeracional dos cadros de persoal das empresas e proporcionar unha experiencia laboral e a adquisición de novas competencias á mocidade.

Posta en marcha de 60 proxectos de emprendedores/as

A liña PEL-Rurinnova destinará 489.000 euros para o fomento do autoemprego e a creación de empresas a través de accións dirixidas ao desenvolvemento de iniciativas empresariais por parte da mocidade menor de 30 anos. As contías das axudas que se han conceder poderán oscilar entre un mínimo de 4.050 euros e un máximo de 8.100 euros por alta. O prazo para participar na convocatoria estará aberto desde o 22 de xaneiro ata as 14:00 horas do 30 de abril de 2021.

A Deputación continúa co seu apoio ao ,emprendemento sostible, e por este motivo dará prioridade de acceso a esta liña de axudas aos proxectos que potencien a economía verde, azul ou circular e conten con medidas de desenvolvemento sostible.

Destinadas aos pequenos concellos rurais

As axudas poden ser solicitadas por empresas e persoas emprendedoras de calquera dos concellos coruñeses que conten con menos de 5.000 habitantes ou con menos de 10.000 que presenten un saldo demográfico negativo.

Páxinas suxeridas