Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Valdoviño distribúen 84.500 euros a 43 negocios da localidade afectados pola Covid-19

As axudas enmárcanse no programa PEL-Reactiva, dotado con 12,5 millóns de euros para apoiar os sectores máis prexudicados pola pandemia 

A Deputación e o Concello de Valdoviño distribúen 84.500 euros a 43 negocios da localidade afectados pola Covid-19

O Concello de Valdoviño vén de aprobar a concesión provisional dun total de 43 axudas do programa PEL-Recativa, realizado coa colaboración da Deputación da Coruña e destinado a autónomos e microempresas de  afectados pola crise da covid-19. As axudas oscilan entre os 1.500 e os 3.000 euros e, en conxunto, suman un investimento de 84.500 euros no municipio. A resolución pode consultarse na páxina web do Concello de Valdoviño e, o seguinte paso, será formalizar a concesión definitiva das achegas, abríndose un prazo para a xustificación da documentación que acredite o cumprimento dos requisitos. Finalmente, o Concello aboará as axudas.

As axudas inclúense no Plan de Emprego Local-PEL Reactiva, cofinanciado pola Deputación da Coruña e Concello ao 80 e o 20%, respectivamente. Os fondos poderán ser destinados, entre outras cuestións, a gastos de adaptación e acondicionamento dos negocios á nova realidade derivada da covid-19, compra e instalación de mamparas, adquisición de produtos de limpeza e protección, así como a gastos correntes.

As axudas están dirixidas a persoas traballadoras autónomas e microempresas que se visen afectados polo peche; a aquelas cuxa facturación no segundo trimestre de 2020 se vise reducida polo menos nun 75% en relación ao semestre anterior á declaración do estado de alarma ou ben que se visen na obriga de acollerse a un ERTE.

O programa PEL-Reactiva conta cun orzamento total de 12,5 millóns de euros para axudar aos sectores máis afectados polas consecuencias económicas da pandemia coma a hostalaría e o pequeno comercio local. 

Páxinas suxeridas