Estás en:Novas

O PEL-Reactiva destina 137.741 euros a 63 microempresas e autónomos de Cedeira

O programa de reactivación impulsado pola Deputación en colaboración cos concellos chega a 63 negocios de Cedeira, que percibirán entre 3.000 e 1.500 euros 

O PEL-Reactiva destina 137.741 euros a 63 microempresas e autónomos de Cedeira

Casa do Concello de Cedeira

O Concello de Cedeira acaba de publicar a relación de solicitudes estimadas na convocatoria de axudas do programa PEL Reactiva, impulsado en colaboración coa Deputación da Coruña e  dotado no municipio con 137.741€, dos que o 80% son achegados pola institución provincial e o 20% restante polo municipio. Repartiranse un total de 63 axudas a outras tantas empresas e autónomos da localidade ata esgotar os fondos dispoñibles, segundo informou o alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, quen destacou que estas subvencións representan un novo empuxón para que os negocios locais poidan superar as dificultades provocadas pola crise sanitaria.

O goberno local xa lanzara en marzo pasado, ante a primeira sacudida da pandemia, un programa estritamente municipal de axudas para contribuír a manter a actividade económica e os empregos na vila. Repartíronse con aquel programa un total de 76.750€ entre 112 microempresas e autónomos da vila.

Os 137.741€ que se conceden agora ao abrigo do PEL Reactiva da Deputación van repartidos en 2 axudas de 3.000; 29 axudas de 2.500€; 24 de 2.000€; 7 de 1.500 e unha de 741,71€. A repartición fíxose, segundo establece a convocatoria do programa provincial, polo sistema de concorrencia competitiva, adxudicando os fondos ás solicitudes con mellor puntuación ata esgotar os fondos.

As subvencións van dirixidas a negocios que tiveron que paralizar a súa actividade pola Covid ou que viron diminuída a súa facturación nun 75% con respecto ao semestre natural. O seu destino é sufragar gastos realizados entre marzo e decembro do ano pasado, ben sexa en materiais e subministracións vinculados directamente coas medidas de prevención contra o virus ou ben alugueiro de locais, vehículos, maquinaria e instalación, gastos en seguros ou subministracións.

Páxinas suxeridas