Estás en:Novas

A Deputación subvencionará con 250.000 euros a adquisición de vehículos para os clubs de remo e piragüismo da provincia da Coruña

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, anuncia a apertura desta liña de subvencións, que permitirá a 10 clubs renovar uns vehículos necesarios para transportar as súas embarcacións

A Deputación subvencionará con 250.000 euros a adquisición de vehículos para os clubs de remo e piragüismo da provincia da Coruña

Foto (ARQUIVO) Bandeira de Traiñas nas Pontes 2019

A Deputación da Coruña subvencionará con 250.000 euros a adquisición de vehículos para os clubs de remo e piragüismo da provincia da Coruña.

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, anunciou a inminente apertura desta liña de subvencións, que se publicará no Boletín Oficial da Provincia a vindeira semana e que permitirá a dez clubs destas disciplinas deportivas renovar os seus vehículos.

"As últimas furgonetas foron entregadas en 2018, polo que a convocatoria atende unha demanda e unha necesidade dos 40 clubs de remo e piragüismo da provincia da Coruña, aos que lles resulta imprescindible contar cun vehículo axeitado para transportar as súas embarcacións e poder adestrar e participar en competicións deportivas", afirmou Cristina Capelán.

A convocatoria contará con dúas liñas, unha para remo e outra para piragüismo, cun orzamento de 125.000 euros cada unha. Os vehículos adquiridos polas entidades deberán ser novos e cun custo mínimo de 31.250 euros e máximo de 50.000 €. A Deputación subvencionará ata o 80% do custo total de adquisición das furgonetas, cun máximo de 25.000 euros por vehículo.

Para a adxudicación teranse en conta criterios coma o número de deportistas federados cos que conta cada entidade, o número de menores de 18 anos que practican o deporte, as actividades nas que participan, o uso do vehículo do que dispoñen e a antigüidade do vehículo do que dispoñen actualmente e o número de persoas contratadas pola entidade para desenvolver as súas actividades.

Páxinas suxeridas