Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Cambre financiarán con 91.198 euros as obras de acondicionamento da pista polideportiva exterior do CEIP Wenceslao Fernández Flórez

O convenio de colaboración levarase ao pleno da próxima semana

A Deputación asume o 80% do custo das obras, que renovarán a pista, os accesos exteriores e a rede de recollida de pluviais

A Deputación e o Concello de Cambre financiarán con 91.198 euros as obras de acondicionamento da pista polideportiva exterior do CEIP Wenceslao Fernández Flórez

ARQUIVO. O presidente da Deputación e o alcalde de Cambre na Bibliioteca Central do municipio

A Deputación da Coruña financiará con 72.800 euros as obras de acondicionamento da pista polideportiva exterior do CEIP Wenceslao Fernández Flórez, situado no Concello de Cambre.

O convenio de colaboración entre ambas entidades, polo que a Deputación achega un 80% do orzamento total que o Concello dispón para este fin e que ascende a 91.198,95 euros, someterase á aprobación do pleno provincial que se realizará a próxima semana.

O obxectivo desta actuación é o de substituír a pista polideportiva exterior e o seu peche, ademais de renovar os accesos á zona e tamén a instalación de recollida de augas pluviais.

No caso da pista crearase unha nova plataforma cun acabado tipo EPOXI sintético, realizarase o pintado requirido para levar a cabo as diferentes actividades deportivas e dotarase de equipamento como novas porterías e canastras regulamentarias.

Tamén se actuará sobre o actual peche, formados por muros de bloque de formigón prefabricado cunha zona de valo metálico superior. No caso dos muros, repararanse e revestiranse dunha pintura especial para exteriores. Nas zonas de valo instalarase un novo tipo TRAMEX nas zonas traseiras ás porterías e outro máis sinxelo no resto.

Os traballos inclúen ademais a adecuación dos accesos exteriores á pista, que se nivelará para a execución dun novo pavimento de céspede artificial e que se dotará de bancos de espera para facer máis cómoda a zona de agarda. Por último, instalaranse unhas novas tubaxes para a recollida e canalización das augas pluviais.

Páxinas suxeridas