Estás en:Novas

A Deputación comezará este verán as novas obras de ampliación da estrada Negreira-Pontenafonso

O departamento de Vías e Obras licitará os traballos en febreiro e encargará un estudo técnico para determinar se se pode ampliar a ponte Barbazán ou é necesario un novo viaduto que garanta o mesmo ancho en toda a estrada

Cun orzamento de 1,4 millóns de euros, supón un dos maiores investimentos programados na rede provincial de estradas para ampliar ata os 7 metros o tramo da vía que vai ata a ponte Barbazán

A Deputación comezará este verán as novas obras de ampliación da estrada Negreira-Pontenafonso

A Deputación da Coruña licitará en febreiro a segunda fase das obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP 5602 de Negreira á Ponte Nafonso e encargará un estudo técnico para determinar a mellor solución técnica e económica para ampliar a ponte de Barbazán ou construír un novo viaduto que garanta un ancho suficiente en toda a estrada.

Así o acordaron o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Negreira, Manuel Angel Leis, na reunión que mantiveron na sede da institución provincial para abordar distintos proxectos de colaboración entre ambas administracións.

A ampliación da estrada Negreira-A Ponte Nafonso, cun orzamento de 1,4 millóns de euros, é un dos investimentos máis importantes programados para este ano pola Área de Vías e Obras da institución provincial, co que cumpre o compromiso do Goberno provincial de dar continuidade ao ensanche e mellora do trazado realizado no seu día nos primeiros seis quilómetros da estrada e que supuxeron unha notable mellora da seguridade. A previsión é que os traballos poidan comezar a executarse este mesmo verán.

Nesta segunda fase, as obras contemplan a ampliación da plataforma da estrada nun tramo de 2,5 quilómetros que vai dende o PK 6+105 ao 8+630, preto da ponte Barbazán, dotando a vía dunha calzada de 7 metros de ancho e beiravías de 0,5 metros naqueles puntos nos que a liña de planeamento o permita. Levaranse a cabo tamén traballos de corrección de trazado nas curvas máis perigosas, acondicionamento de drenaxe lonxitudinal e transversal da vía e sinalización.

As obras rematarán moi preto da ponte de Barbazán, onde se estreita notablemente a calzada, o que ocasiona un problema de seguridade para o que o departamento provincial de Vías e Obras buscará a mellor solución encargando un estudo técnico que determine a mellor opción para ampliar anchear a vía neste punto.

Páxinas suxeridas