Estás en:Novas

A Deputación da Coruña celebran o legado de Ricardo Carvalho Calero cunha exposición a ceo aberto na Mariña

Poderase visitar até o día 15 de febreiro e despois instalarase en Carballo

A Deputación da Coruña celebran o legado de Ricardo Carvalho Calero cunha exposición a ceo aberto na Mariña

A área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña instalou a ceo aberto na Mariña da Coruña a exposición que percorre a vida e a traxectoria de Ricardo Carvalho Calero. A mostra poderase visitar até o vindeiro 15 de febreiro. A través de trece expositores instalados pola área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña na Mariña da Coruña pódense percorrer outras tantas etapas da vida de Carvalho Calero, facendo especial fincapé no legado do autor ao que o pasado ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas.

"Ninguén pon en cuestión que a covid fixo que a conmemoración do Día das Letras Galegas para Ricardo Carvalho Calero, tan demandado e agardado, quedara desdebuxado tanto polo confinamento e polo peche dos centros de ensino no período lectivo arredor do día como pola imposibilidade de organización de actos con asistencia de público", comenta a deputada de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, María Muíño que defende a súa proposta como "unha actividade segura xa que está ao aire libre e especialmente acaída para difundir a figura de Carvalho Calero porque está a pé de rúa".

Nos trece paneis pódese visitar a traxectoria vital e profesional do autor, desde o seu nacemento en Ferrol até o peche co titulado "Mestre de Compromisos" onde se fai mención ás distintas homenaxes que recibiu antes do seu falecemento e tamén se recolle unha imaxe do alumnado da primeira promoción de Filoloxía galego-portuguesa da que foi profesor.

A mostra chega á Coruña despois de pasar por Ferrol, cidade natal de Carvalho Calero, onde se inaugurou e iniciou unha itinerancia que continuará, a seguir, en Carballo.

"Consideramos que é conveniente e necesario que a mostra e a conmemoración de Carvalho Calero continúe máis alá do remate do ano por iso queremos que esta mostra continúe difundindo o legado dunha persoa á que tanto debe a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa historia", explicou María Muíño. 

Páxinas suxeridas