Estás en:Novas

A Deputación da Coruña reforza todos os seus programas sociais para enfrontar as consecuencias da pandemia

O orzamento da área de Benestar Social increméntase este ano nun 137% tras incorporar 14 millóns de euros de fondos sociais ao Plan Único e elevar ata os 8 millóns o orzamento do programa de apoio aos servizos sociais municipais

Un de cada cinco euros do Plan Único en 2021 será para gasto social derivado da Covid-19

Os concellos pensan financiar temas coma reforzo do persoal social municipal, transporte a centros sanitarios para maiores, programas de conciliación ou axudas a familias vulnerables

O apoio da Deputación permitirá aos concellos coruñeses contratar preto de 200 profesionais e financiar 300.000 horas de axuda no fogar

A Deputación da Coruña reforza todos os seus programas sociais para enfrontar as consecuencias da pandemia

Foto (Arquivo): Valentín González, Ana Lamas e o alcalde de Ferrol durante unha visita ao Centro de Día de Menores da Deputación

A Deputación da Coruña reforza este ano todos os seus programas sociais para facer fronte ás consecuencias da pandemia entre os colectivos especialmente vulnerables e as familias con menos recursos.

Este compromiso plásmase nos Orzamentos 2021 da administración provincial, que este ano incrementa a partida para área social de 11,8 a 27,4 millóns de euros, un 137% máis que no pasado exercicio.

"En 2021 imos facer a maior aposta social da historia da Deputación", afirmou o presidente Valentín González Formoso, que destacou que as políticas de emprego, reactivación económica e axudas aos sectores máis afectados polas consecuencias da pandemia serán, xunto coa área social, as "prioridades absolutas" durante este ano.

Un Plan Único máis social

O Plan Único (POS+2021), principal programa de investimentos da Deputación nos 93 municipios da provincia da Coruña, incrementa o seu orzamento inicial de 47,2 a 64,6 millóns de euros e adáptase á difícil situación actual, incorporando por primeira vez un "fondo social" de 14 millóns de euros que se destinarán en exclusiva a gasto social.

Así, un de cada cinco euros do Plan Único en 2021 destinaranse a reforzar os programas de protección social dos colectivos máis vulnerables, para non deixar a ninguén atrás na saída desta crise.

Os concellos coruñeses teñen ata o 5 de febreiro para presentar os proxectos que queren financiar con cargo ao POS+2021, tamén no eido social.

Entre as peticións que se están aprobando estes días nos concellos destacan cuestións como o reforzo do persoal adscrito aos servizos sociais e de axuda a domicilio dos concellos, programas de conciliación familiar e laboral, creación de liñas de axudas a familias en situación especialmente vulnerable e incluso servizos de transporte a centros sanitarios para persoas maiores.

O dobre de fondos para os servizos sociais municipais

Nos últimos anos, o goberno provincial de Valentín González incrementou progresivamente o orzamento do plan de apoio aos servizos sociais municipais, que pasou dos 4 millóns de euros en 2016 aos 8 millóns cos que contará en 2021.

Esto permitirá contratar este ano preto de 200 profesionais da área social nos municipios e financiar arredor de 300.000 horas de servizo de axuda no fogar (SAF).

"Con este programa, a Deputación quere estar preto da xente que máis o precisa e permitir á cidadanía contar cuns servizos sociais profesionais e de calidade, independentemente do lugar onde vivan", afirmou a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, que destacou ademais que a achega da Deputación para financiar os servizos de axuda no fogar é de 12 euros/hora, moi superior aos 9 euros/hora que dispón a Xunta de Galicia para o mesmo fin.

O programa permitirá financiar o 100% do salario das persoas contratadas como persoal administrativo (18.000 €/ano), persoal técnico A2 (22.000 €) e persoal técnico A1 (26.000 €). Tamén se inclúe un prezo de 12 euros/hora para financiar o persoal do servizo de axuda no fogar.

Estes profesionais atenden cada día a miles de cidadáns con problemas de índole social, que con frecuencia pertencen a colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres vítimas de violencia, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade.

Incremento dos usuarios de Teleasistencia

Finalmente, a Deputación reforzará tamén o seu servizo de Teleasistencia, no que inviste 720.000 euros en 2021 e que experimentou durante a pandemia un importante incremento do número usuarios e usuarias, que supera xa as 2.700 persoas.

A Teleasistencia da Deputación dá servizo aos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia (todos agás as grandes cidades) e é gratuíta para o usuario/a, cuxo perfil tipo é o dunha muller maior de 80 anos que vive soa, aínda que tamén hai unha pequena porcentaxe correspondente a persoas con algún tipo de diversidade funcional. Cada día aténdense máis de 500 chamadas a través deste servizo.

"Nunha provincia caracterizada polo envellecemento da poboación, especialmente no ámbito rural, cremos que é fundamental ofrecer un servizo coma este", sostivo Ana Lamas, que lembrou que a Deputación ten capacidade para chegar ata 3.300 usuarios e segue ofrecendo o servizo de Teleasistencia ás persoas que o demanden a través dos servizos sociais dos concellos.

Páxinas suxeridas