Estás en:Novas

A Deputación e a ONG coruñesa Participa colaboran nun programa de estimulación cognitiva a través da arte que queren extender aos municipios rurais

A entidade coruñesa está adaptando o programa, que desde hai oito anos conta coa colaboración da Deputación, á crise sanitaria; enfocándoo ao eido dixital e tratando de chegar ás zonas máis rurais da provincia

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, reuniuse coa presidenta da entidade, María Lemus e gabou o importante labor social que desenvolven

A Deputación e a ONG coruñesa Participa colaboran nun programa de estimulación cognitiva a través da arte que queren extender aos municipios rurais

Desde hai oito anos, a Deputación da Coruña colabora coa ONG coruñesa Participa pola Inclusión Social nun programa de estimulación e desenvolvemento cognitivo a través da arte para nenos e adultos con diversidade funcional.

A deputada responsable da área de Benestar Social, Ana Lamas, reuniuse coa presidenta da asociación, María Lemus, coa que abordou a evolución e os bos resultados obtidos neste programa pioneiro en Galicia, así como a súa adaptación ao actual escenario debido á crise sanitaria da Covid-19.

María Lemus, responsable da Asociación Participa, que leva máis de quince anos traballando pola inclusión social, explicou que o programa está destinado a persoas con discapacidade intelectual ou deterioro cognitivo, pero tamén a aquelas con discapacidade física ou sensorial, polo que trata de eliminar todo tipo de barreiras físicas, sociais e de comunicación no acceso á arte.

Coa pandemia, a entidade, que vén colaborando tamén coa Fundación María José Jove para o acceso á súa colección de arte, está enfocando este proxecto ao eido dixital, o que lles permitirá chegar a un maior número de persoas, tamén no eido rural. Segundo un estudo de campo realizado pola propia asociación hai uns anos, as entidades da contorna rural teñen un nivel de participación en actividades culturais e artísticas ata un 86% inferior ás da contorna urbano, polo que queda moito traballo por facer neste eido.

Ana Lamas valorou moi positivamente os resultados dun proxecto que "contribúe a mellorar aspectos coma a orientación temporal e espacial, a capacidade de atención, a memoria e concentración, a expresión de emocións e o traballo en equipo" de que "desde a Deputación queremos seguir apoiando e mellorando, para que chegue a máis persoas, independentemente do lugar onde residan".

A Deputación e Participa queren agora estender este programa a 10 entidades dun mínimo de seis concellos rurais da provincia, co obxectivo de lograr a participación de 600 persoas este ano, fundamentalmente nenos e adultos con diversidade funcional, e nalgunhas actividades as súas familias.

Ademais do seu traballo neste programa, Participa pola Inclusión desenvolve proxectos no eido da integración social, atención sociocomunitaria, cooperación para o desenvolvemento, tecnoloxía accesible e actividade física inclusiva.

Páxinas suxeridas