Estás en:Novas

Igualdade da Deputación da Coruña prepara un programa sobre os efectos da COVID-19 nas mulleres

A deputada María Muíño acorda nunha xuntanza con persoal político e técnico dos concellos avanzar en políticas de igualdade

Igualdade da Deputación da Coruña prepara un programa sobre os efectos da COVID-19 nas mulleres

Os concellos poderán presentarse até o día 10 de febreiro á liña para a contratación de persoal técnico de igualdade A Coruña, 4 de febreiro de 2021. A deputada de Igualdade, María Muíño, reuniuse con representantes dos concellos para avanzar en iniciativas de cooperación institucional para a eliminación da discriminación e a violencia machista. Na xuntanza telemática, na que participaron máis de medio cento de concellos, acordáronse, entre outras, distintas accións de concienciación e formación en igualdade, en especial, un programa de actividades sobre os retos que trouxo a COVID-19 desde unha perspectiva de xénero.

Concelleiras e persoal técnico de máis de cincuenta concellos da provincia reuníronse coa deputada de Igualdade, María Muíño, para traballar conxuntamente en diversas liñas de actuación para avanzar en materia de eliminación da discriminación e a violencia machista. A xuntanza forma parte de encontros periódicos da área de Igualdade da Deputación co persoal político e técnico dos concellos que se convocan co obxectivo de incrementar a cooperación e coordinación coas entidades locais para acadar maior impacto posíbel no territorio. "Trátase de fomentar a acción en rede e unha maior visibilización do traballo que se realiza desde a administración local a prol da igualdade de xénero e na loita contra a violencia machista", apuntou a deputada María Muíño.

Na xuntanza analizouse tamén que as consecuencias da crise sanitaria e as decisións que se adoptan para a súa contención desencadean unha serie de consecuencias económicas e sociais que impactan nas mulleres de forma diferencial" polo que se botou man dos datos que indican que a COVID  está a ser un factor multiplicador da precariedade laboral, da violencias machistas, da crise de coidados etc e mostran que as mulleres presentan unha maior vulnerabilidade.

"Nesta liña desde Igualdade e logo das propostas xurdidas nas diferentes xuntanzas realizadas contempla promover un programa de actividades concibido como un espazo de reflexión, participación e creación dos retos que nos trouxo a COVID-19 desde unha perspectiva de xénero" anunciou María Muíño dunha acción que terá na mocidade e o persoal profesional o principal público destinatario. Entre outros temas, no encontro avanzouse no deseño do programa e as actividades colaborativas que a Deputación da Coruña está a preparar para conmemorar o vindeiro 8 de marzo que, polos protocolos sanitarios, terá que desenvolverse de maneira telemática.

"Recolléronse propostas e suxestións na anterior xuntanza en que se valorou a conmemoración do 25N e desde os concellos recoñeceuse como moi positivo a creación deste foro de participación e colaboración", explicou a deputada de Igualdade despois do encontro.

Contratación nos concellos de persoal técnico de igualdade

A Deputación da Coruña ten neste momento aberta a convocatoria para que os concellos opten a axudas para a contratación de persoal técnico de igualdade, nunha convocatoria en que se multiplicou por cinco a partida ao incorporar a posibilidade de novas contratacións e non só o mantemento das xa existentes, como era até o momento.

Neste sentido, a área de Igualdade destina de saída 250.000 € para contratacións en municipios de menos de 20.000 para contribuír á eliminación da discriminación e a violencia machista desde a acción municipal. Neste momento só dous concellos con menos de 20.000 habitantes contan con persoal técnico ou axentes de igualdade e cambiar este mapa de recursos é o obxectivo da liña que a área de Igualdade.

"Como trasladamos aos concellos, queremos promover a profesionalización das áreas de igualdade municipais, polo que reforzamos a liña para animar á contratación de persoal técnico que avance en políticas de igualdade", sinala a deputada de Igualdade, María Muíño, que defende que "as administracións locais son as máis próximas ás persoas polo que poden cumprir un papel de especial relevancia na eliminación do machismo".

Os concellos poderán concorrer ás axudas até o día 10 de febreiro ás 14:00 horas polas que poderán recibir unha subvención de 22.000 € por contratación.

A iniciativa responde ao recollido no I Plan de acción das políticas de igualdade de xénero na provincia da Coruña no que se contemplaba a necesidade de reforzar os servizos coa contratación de persoal especializado. A profesionalización é un dos requisitos da contratación para o que se solicita un total de 500 horas de formación en materia de igualdade.

Páxinas suxeridas