Estás en:Novas

A Deputación destina 4,4 millóns de euros para apoiar a concellos, entidades e clubs no fomento do deporte na provincia

Aberto o prazo de solicitude nas seis liñas de subvencións dirixidas a entidades sen ánimo de lucro

Cristina Capelán destaca que o goberno provincial aumenta este ano un 2,3% o orzamento das axudas e incorpora dentro dos gastos subvencionables o material relacionado coa COVID-19

Apoio para equipos que participan en competicións oficiais, renovación de infraestruturas e equipamentos, promoción de grandes eventos deportivos ou adquisición de vehículos son algúns dos destinos das axudas

539 clubs deportivos coruñeses recibiron axudas da Deputación en 2020

A Deputación destina 4,4 millóns de euros para apoiar a concellos, entidades e clubs no fomento do deporte na provincia

A Deputación da Coruña aumenta neste 2021 a súa aposta polo fomento do deporte na provincia ao destinar 4,4 millóns de euros para apoiar a concellos, entidades e clubs, un investimento que supón un crecemento de 350.000 euros con respecto ao consignado no pasado exercicio para o mesmo fin.

A deputada responsable da área de Deportes, Cristina Capelán, afirmou que estas axudas teñen como obxectivo "a promoción da actividade deportiva en todos os seus ámbitos, desde o deporte de base aos grandes eventos deportivos" e subliñou que este ano, a atendendo á situación sanitaria actual, as bases reguladoras das seis convocatorias inclúen no apartado de gastos subvencionables a compra de material para a realización da actividade relacionado coa COVID-19 (máscaras, xel, termómetros, probas para a detección...).

"As liñas de subvencións deportivas da Deputación da Coruña contribúen a manter a actividade e a mellorar as infraestruturas de centos de clubs en competicións de todas as disciplinas e categorías deportivas, axudando a situar aos equipos coruñeses na vangarda do deporte galego", apuntou Cristina Capelán, que detallou que 539 entidades deportivas da provincia recibiron o apoio da Deputación en 2020, unha cifra que esperan incrementar notablemente este ano, xa que debido ao coronavirus centos de entidades tiveron que renunciar a desenvolver actividades o pasado ano.

Seis liñas de axudas abertas ate o 5 de marzo e o 15 de abril

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar a apertura dos prazos para formular as solicitudes das subvencións deportivas da Deputación da Coruña dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para o 2021, que se dividen en 6 liñas: fomento do deporte (450.000 euros); clubs que participen nunha competición federada de ámbito local, provincial e autonómico (700.000 euros); clubs que participen en competición federada de ámbito nacional e internacional (1.050.000 euros); para o desenvolvemento de eventos deportivos singulares (500.000 euros); para infraestruturas e equipamento (450.000 euros); e para adquisición de vehículos aos clubs de remo e piragüismo (250.000 euros).

As entidades poden presentar as súas solicitudes de xeito telemático até o vindeiro 5 de marzo en todas as liñas, agás a de grandes eventos deportivos, que ten de prazo ata o vindeiro 15 de abril.

Por outra banda, ata o 18 de febreiro está aberto o prazo para que os concellos e entidades locais da provincia soliciten as axudas na liña de contratación de persoal técnico deportivo municipal, que conta cun orzamento total de 1.015.000 euros e creou 77 empregos o pasado ano e, ao mesmo tempo, serve para que os municipios coruñeses podan desenvolver programacións deportivas de carácter profesional e estable e fomentar o deporte e a actividade física entre a poboación, especialmente nenos e maiores.

Páxinas suxeridas