Estás en:Novas

A Deputación e o Concello das Pontes destinan 228.000 euros para a renovación do pavillón polideportivo Monte Caxado

Valentín González Formoso asinou hoxe o convenio, polo que o ente provincial achegará 180.000 euros para o financiamento das obras

Os traballos que se levarán a cabo suporán a rehabilitación integral da cuberta, a fachada e o pavimento, así como a mellora da iluminación

A Deputación e o Concello das Pontes destinan 228.000 euros para a renovación do pavillón polideportivo Monte Caxado

A Deputación da Coruña e o Concello das Pontes financiarán de xeito conxunto un proxecto valorado en 228.796,59 euros para levar a cabo unha renovación íntegra do pavillón polideportivo Monte Caxado, na localidade pontesa.

A través deste convenio, asinado hoxe polo presidente provincial e alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, e o tenente alcalde da localidade, Antonio Alonso Román, o ente provincial achegará 180.000 euros, o 78,67% do investimento total, para o financiamento do proxecto.

Os traballos que se levarán a cabo inclúen a rehabilitación da cuberta, eliminando o material actual de fibra de cemento e o falso teito de cortiza na zona da pista polideportiva para substituílo por un panel sándwich con illlamento interior e incorporando dous aireadores para mellorar a renovación do aire; a rehabilitación de gran parte da fachada, eliminando o material actual de fibrocemento por un panel coas mesmas características có do tellado; instalarase un novo pavimento deportivo de zona elástica e, por último, renovarase a iluminación a tecnoloxía LED.

González Formoso, explicou que se trata dunha obra moi necesaria, pois o pavillón foi construído a finais dos anos 80 e só sufriu rehabilitacións parciais, "polo que precisa dunha actuación en profundidade para responder á demanda existente no Concello xa que nestas instalacións ademais do uso da propia escola tamén se practican baloncesto, fútbol sala, patinaxe e outras actividades deportivas", afirmou.

Páxinas suxeridas