Estás en:Novas

A Deputación licita por 1,2 millóns de euros a segunda fase das obras de ampliación da estrada Negreira-Pontenafonso

A Deputación prevé que os traballos estean en execución este mesmo verán, tal como lle confirmou o presidente González Formoso ao alcalde de Negreira na reunión que mantiveron o pasado 28 de xaneiro

As obras permitirán ampliar a 7 metros o ancho da vía no tramo que chega ata a ponte de Barbazán

Trátase dun dos maiores investimentos programados este ano polo departamento provincial de Vías e Obras

A Deputación licita por 1,2 millóns de euros a segunda fase das obras de ampliación da estrada Negreira-Pontenafonso

Tal como comprometeu o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, na reunión que mantivo hai dúas semanas co alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, o departamento de Vías e Obras da institución provincial vén abrir a licitación pública da segunda fase das obras de ampliación da estrada DP 5602 Negreira-Pontenafonso, cun orzamento de 1.266.128,78 euros. As empresas poden presentar as súas ofertas ata o 8 de marzo na Plataforma de Contratación do Estado.

A esta importante cantidade hai que sumar os 174.697,96 euros das expropiacións realizadas para levar a cabo os traballos, polo que o orzamento total das obras supera os 1,4 millóns de euros. "Supón un dos investimentos máis importantes programados este ano polo departamento de Vías e Obras na provincia", confirmou González Formoso, que apuntou que a Deputación prevé que os traballos estean en execución "este mesmo verán".

O alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, expresou tamén a súa satisfacción pola licitación das obras, que supoñen luz verde definitiva a un proxecto que dará continuidade ao ensanche e mellora do trazado realizado no seu día nos seis primeiros quilómetros desta estrada e que supuxeron unha notable mellora na seguridade.

Nesta segunda fase, as obras contemplan a ampliación da plataforma da estrada nun tramo de 2,5 quilómetros que vai dende o PK 6+105 ao 8+630, preto da ponte Barbazán, dotando a vía dunha calzada de 7 metros de ancho e beiravías de 0,5 metros naqueles puntos nos que a liña de planeamento o permita. Levaranse a cabo tamén traballos de corrección de trazado nas curvas máis perigosas, acondicionamento de drenaxe lonxitudinal e transversal da vía e sinalización.

As obras rematarán moi preto da ponte de Barbazán, onde se estreita notablemente a calzada, o que ocasiona un problema de seguridade para o que o departamento provincial de Vías e Obras buscará a mellor solución, encargando un estudo técnico que determine a mellor solución técnica e económica para ampliar a ponte ou construír un novo viaduto que garanta un ancho suficiente en toda a estrada para a circulación de vehículos.

Páxinas suxeridas