Estás en:Novas

A Deputación destaca as “dúas décadas de compromiso co deporte feminino” do Club Universitario de Ferrol

A deputada de Deportes, Cristina Capelán, mantivo unha reunión telemática co presidente da entidade, Santiago Rey Cancela

A Deputación puntúa desde este ano en todas as súas liñas de subvencións a clubs e entidades deportivas a promoción do deporte feminino

Se a evolución da pandemia o permite, o Uni aspira a organizar en Ferrol os play-off de ascenso a primeira división de baloncesto feminino, para o que pode solicitar as axudas da Deputación para grandes eventos deportivos

A Deputación destaca as “dúas décadas de compromiso co deporte feminino” do Club Universitario de Ferrol

A deputada responsable da área de Deportes da Deputación da Coruña, Cristina Capelán Cancelo, mantivo unha reunión telemática co presidente do Club Universitario de Ferrol, Santiago Rey Cancela, que ocupa o cargo desde finais de 2020.

Capelán destacou a "longa traxectoria de colaboración" entre a Deputación e o club, así como o "brillante palmarés" e as "dúas décadas de compromiso co deporte feminino" do Uni de Ferrol e desexou que a nova directiva presidida por Santiago Rey "continúe na senda de éxitos deportivos e consiga retornar á primeira categoría do baloncesto nacional".

A Deputación aposta polo deporte feminino

Neste sentido, destacou que o Uni Ferrol "é todo un referente no deporte feminino" na provincia coruñesa e en Galicia. "Unha aposta coa que coincidimos na Deputación, que desde este ano puntúa en todas as súas liñas de subvencións a presenza de mulleres e a promoción do deporte feminino", afirmou Cristina Capelán. Son en total de seis liñas de axudas a entidades e clubs deportivos que este ano soben o seu orzamento un 2,3% ata os 4,4 millóns de euros e inclúen tamén entre os gastos subvencionables o material relacionado co protección fronte á Covid-19 coma máscaras, xel hidroalcohólico, termómetros ou probas para a detección do virus.

Capelán interesouse tamén pola situación que atravesa a entidade deportiva e como lle están a afectar as restricións e os estritos protocolos sanitarios derivados da pandemia da Covid-19, tanto no primeiro equipo coma nas categorías base.

Play-off de ascenso en Ferrol

Cristina Capelán e Santiago Rey falaron tamén sobre o proxecto do club para organizar en Ferrol o play-off de ascenso á 1ª División de baloncesto feminino, no que competirían con outras cidades para poder ser sede dun evento que reuniría a 12 equipos para xogar os partidos durante catro días na cidade naval, pero que está pendente tamén das restricións sanitarias e da capacidade dos recintos deportivos, así como das actividades paralelas para fomentar a práctica do baloncesto en idades temperás.

A deputada considerou que a Deputación estaría en disposición de apoiar o evento a través da liña de axudas para grandes eventos deportivos, dotada este ano con medio millón de euros, mediante a que a área de Deportes da institución provincial apoia grandes campionatos doutras disciplinas deportivas coma o Pantín Classic, o Rallye de Ferrol ou a Volta Ciclista á Provincia da Coruña.

Páxinas suxeridas