Estás en:Novas

Cultura da Deputación da Coruña impulsa "Referentes", un proxecto de conversas entre figuras da nosa cultura

A iniciativa ten como obxectivo levar cada mes ás redes sociais un diálogo que recupera o valor da palabra con diálogos a fondo

A xornalista Marga Pazos conduce o formato, que se estreará en Facebook e Youtube o 4 de marzo cunha charla entre a música Mercedes Peón e máis a cociñeira Lucía Freitas

Cultura da Deputación da Coruña impulsa

A área de Cultura da Deputación da Coruña impulsa o proxecto "Referentes" un encontro na rede entre figuras da nosa cultura que recupera o valor da conversa. O 4 de marzo será o día da estrea cun encontro entre a música Mercedes Peón e a cociñeira Lucía Freitas, conducido pola xornalista Marga Pazos.

Neste contexto pandémico no que se unen unha certa tensión no ambiente cun enorme consumo audiovisual na rede, un novo proxecto busca recuperar o pracer do diálogo entre figuras da nosa cultura con diferentes perfís e intereses. Referentes é un proxecto audiovisual dixital, un ciclo de charlas entre persoas de referencia na nosa cultura que se poderá ver de balde na rede co obxectivo de "afondar no Nós colectivo", en palabras do deputado de Cultura, Xurxo Couto.

A área de cultura da Deputación da Coruña que dirixe Couto impulsa esta proposta para "afondar na diversidade do noso pobo a través dunha serie de conversas entre artistas, intelectuais e pensadoras de diversos ámbitos e disciplinas que nos amosarán a súa visión da nosa realidade cultural e social inspiradora e motivadora".

O obxectivo que persegue a iniciativa é a de "imaxinarmos novos mundos dende o agora, empregando a cultura como bálsamo e motor con ánimo analítico, propositivo e transformador da nosa realidade". "Unha cultura, unha lingua e un país precisan ter os seus propios referentes", explica Couto. "No caso galego, temos figuras de relevancia que están a abrir camiños e tamén a exportar a nosa cultura e presentarnos e representarnos máis alá das nosas fronteiras... e este programa quere que se coñezan a fondo e que se escoiten".

Referentes estrearase o xoves 4 de marzo en Facebook e Youtube cunha conversa protagonizada por Mercedes Peón e Lucía Freitas, dúas mulleres carismáticas que lideran proxectos moi persoais e exitosos en ámbitos tan lonxanos como música e a cociña.

A xornalista Marga Pazos, gañadora dun Premio Mestre Mateo á Mellor Comunicadora, conducirá a conversa entre estas dúas mulleres referentes presentes e futuras da sociedade galega. Falarán da vida e da paixón coa que elas a afrontan e ese diálogo ofreceralle ao público unha oportunidade única para ver a actualidade dende un novo prisma, reflexionando sobre a nosa cultura e sobre as ferramentas que nos ofrece para reinventarnos.

Cada mes, difundirase unha conversa entre Referentes da cultura e da sociedade galegas, que nos permitirán coñecer e valorar o noso xeito de vida e situarnos inequivocamente no mundo, proxectándonos cara un futuro tan difuso como incerto coa nosa identidade como piar básico.

A cultura en tempos de pandemia, máis dereito ca nunca

Referentes enmárcase dentro da campaña "A Cultura é un dereito" artellada pola Área de Cultura da Deputación da Coruña para afianzar a mensaxe de que a cultura constrúe unha sociedade viva, dinámica, consciente, orgullosa da súa identidade e sabedora do seu potencial. "Ao noso ver, a cultura é fundamental para a sociedade, é un dereito para todos e todas e tamén un sector de especial relevancia non só para a economía do país senón tamén para a nosa calidade de vida", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

O mundo da cultura é dos que máis forte está a sufrir o impacto da pandemia do coronavirus. Un impacto que non se cinxe só no eido laboral, con miles de profesionais afectados, senón en canto á cultura como dereito social, como alicerce dunha sociedade, como ferramenta para a mellora social. "Acreditamos firmemente en que a cultura é un dereito, que alimenta, que nos fai o que somos", remata Couto. "O espazo das ideas e dos valores, que non pode reducirse a ornamento. Por iso traballamos. Cultura en todos os concellos, cultura con todas as persoas".

Primeira conversa entre Mercedes Peón e Lucía Freitas

Dous grandes nomes da nosa cultura serán as protagonistas da primeira das entregas do programa "Referentes". Mercedes Peón e Lucía Freitas iniciarán o ciclo conducido pola xornalista Marga Pazos o vindeiro 4 de marzo.

Mercedes Peón é música, etnógrafa, investigadora, produtora e cantautora, unha artista multifacética que se converteu nunha referencia mundial da world music compartindo co resto da humanidade os tesouros que atopa na tradición galega. Os seus traballos exploran con paixón e compromiso temas como a identidade, o sexo, a linguaxe, a pertenza, o ambiente ou a política social. Entre os moitos recoñecementos que recibiu están o Mellor Disco por Isué da revista Folkworld, finalista a Mellor Artista do Ano na BBC Radio 3 e quinto Mellor Disco no Mundo por Sós no prestixioso World Music Charts.

A compostelá Lucía Freitas está considerada "a chef do momento". Formouse en Euskadi e Barcelona, aprendeu da cociña e da vida nos fogóns de El Celler de Can Roca, Mugaritz ou El Bohío e aos 27 anos abriu o seu propio restaurante en Compostela: A Tafona Casa de Xantar. Con menús a 12€ e materia prima de primeira calidade, as críticas enxalzábana pero as contas non daban. E todo podía empeorar: cando o seu fillo tiña un mes, quedou sen socio e chea de débedas. O camiño dende querer pechar a gañar unha estrela Michelín adubiouno converténdose na única muller finalista do concurso Cocinero del Año de 2016 e titelando a apertura dun dos restaurantes de moda en Manhattan: o Tomiño. Hoxe rexenta un segundo establecemento en Santiago, o Lume (slow food a fume de carozo), e quere abrir outro no Xapón.

Páxinas suxeridas