Estás en:Novas

A deputada Ana Lamas visita o ‘Punto de Calor’ de CASCO para coñecer o seu funcionamento e abrir novas liñas de colaboración

Lamas destacou a importancia deste centro de atención social continuada "que seguiu funcionando incluso nos momentos máis difíciles da pandemia"

A Deputación cofinancia con 60.000 euros a rede de pisos de acollida do organismo, que dá servizo a persoas seropositivas e en situación de exclusión social

A deputada Ana Lamas visita o ‘Punto de Calor’ de CASCO para coñecer o seu funcionamento e abrir novas liñas de colaboración

A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, visitou o centro de atención social continuada do Comité Anti Sida da Coruña (CASCO), entidade coa que colabora a Deputación da Coruña a través do cofinanciamento do seu servizo de vivendas de acollida, para coñecer de primeira man o seu funcionamento.

Lamas foi recibida no denominado 'Punto de Calor' pola presidenta de CASCO, Begoña Pérez, e a directora, Sonia Valbuena, que informaron á deputada provincial sobre o funcionamento do servizo, que permite cubrir as necesidades máis básicas das persoas sen recursos, como poden ser cuestións de aseo ou alimentación, servindo tamén de punto de información para estas.

A deputada provincial analizou coa presidenta e directora de CASCO as diferentes colaboracións do ente provincial e as posibles futuras vías de colaboración, entre as que se atopa a posibilidade de cooperar cunha achega orzamentaria para sufragar unha obra de renovación nas instalacións. Na súa visita Lamas destacou a importancia do centro de atención social continuada "que seguiu funcionando incluso nos momentos máis difíciles da pandemia, garantindo a asistencia aos usuarios habituais e incluso cun aumento do número de usuarios".

A Deputación colabora con CASCO a través dunha achega de 60.000 euros para cofinanciar o mantemento da rede de pisos de acollida do organismo, co obxectivo de dar apoio aos gastos do persoal para a atención especializada nos pisos dedicados a persoas seropositivas e en situación de exclusión social. O servizo conta cun piso de acollida e outro de inserción, un programa único na provincia para o que a Deputación achega o 23,94 % do financiamento total da iniciativa.

As casas de acollida contan cun total de 21 prazas e ofrecen aos seus residentes vivenda, alimentación, roupa, medicación, atención individualizada a nivel psicolóxico, xurídico, social e médico.

Páxinas suxeridas