Estás en:Novas

A Deputación inviste preto de 300.000 euros nas obras de reurbanización da rúa Campo Grande, en Melide

As obras, financiadas co Plan Único, contribuirán a humanizar a zona, que forma parte do viario tradicional de Melide e do Camiño Francés

Incluirán a renovación de pavimentos, rede saneamento e abastecemento de auga e o soterramento do tendido de subministración eléctrica e telecomunicacións, ademais de novos elementos coma bancos de pedra, árbores e puntos de iluminación contribuirán a mellorar a estética desta céntrica rúa

Para a redacción do proxecto tomouse como referencia o traballo desenvolto pola Mancomunidade de municipios galegos do Camiño Francés para potenciar a imaxe corporativa coa fixación de elementos comúns nas intervencións no Camiño de Santiago

A Deputación inviste preto de 300.000 euros nas obras de reurbanización da rúa Campo Grande, en Melide

A Deputación da Coruña financia, a través do Plan Único, as obras de reurbanización e posta en valor da rúa Campo Grande, no Concello de Melide, que conta cun orzamento de 298.248,50 euros financiados na súa totalidade por fondos do plan provincial.

As obras, en fase de licitación ata o 1 de marzo, comezarán antes do verán e incluirán a renovación do firme da totalidade da rúa, colocando ao mesmo nivel o pavimento rodado e o peonil e distinguindo o espazo entre ambos mediante os materiais empregados, que para os vehículos será de formigón lavado e para os peóns de lousa de granito e baldosa de formigón. O obxectivo desta reorganización da vía é o de humanizar e mellorar este espazo público e mellorar a accesibilidade.

Por outra banda, realizarase unha nova rede separativa de saneamento e pluviais, renovarase a rede de abastecemento e incorporarase unha canalización común para instalacións de telecomunicacións, subministración eléctrica e iluminación, que quedarán soterradas.

Ademais, no espazo libre que hai ao comezo da rúa Campo Grande instalarase un banco de pedra, dous árbores, un poste para iluminación e un elemento de ocultación das infraestruturas de recollida de residuos.

Para a redacción deste proxecto tomouse como referencia o traballo desenvolto pola Mancomunidade de municipios galegos do Camiño Francés para potenciar a imaxe corporativa coa fixación de elementos comúns nas intervencións no Camiño de Santiago.

As empresas interesadas poderán presentar ofertas no perfil do contratante do Concello de Melide ata o 1 de marzo.

Páxinas suxeridas