A Deputación e o Concello de Cambre invisten 91.198 euros nas obras de acondicionamento da pista polideportiva exterior do CEIP Wenceslao Fernández Flórez
Valentín González Formoso e Óscar García Patiño asinaron hoxe o convenio de colaboración
A Deputación asume o 80% do custe das obras, que renovarán a pista, o peche exterior e a rede de recollida de pluviais

A Deputación da Coruña e Concello de Cambre financiarán con 72.800 euros as obras de acondicionamento da pista polideportiva exterior do CEIP Wenceslao Fernández Flórez, situado no Concello de Cambre.
O presidente Valentín González Formoso, e o alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, asinaron hoxe na sede da institución provincial o convenio de colaboración entre ambas entidades, polo que a Deputación aporta un 80% do investimento, mentres que o Concello achegará o 20% restante.
O obxectivo das obras é a substitución da pista polideportiva exterior e o seu peche, ademais de renovar os accesos á zona e tamén a instalación de recollida de augas pluviais.
No caso da pista crearase unha nova plataforma cun acabado tipo EPOXI sintético, realizarase o pintado requirido para levar a cabo as diferentes actividades deportivas e dotarase de equipamento como novos porterías e canastras regulamentarias.
Tamén se actuará sobre o actual peche, formados por muros de bloque de formigón prefabricado cunha zona de valo metálico superior. No caso dos muros, repararanse e revestiranse dunha pintura especial para exteriores. Nas zonas de valo instalarase un novo tipo TRAMEX nas zonas traseiras ás porterías e outro máis sinxelo no resto.
Os traballos inclúen ademais a adecuación dos accesos exteriores á pista, que se nivelará para a execución dun novo pavimento de céspede artificial e que se dotará de bancos e espera para facer máis cómoda a zona de agarda. Por último, instalaranse unhas novas tubaxes para a recollida e canalización das augas pluviais.