Estás en:Novas

A Rede Cultural da Deputación da Coruña reforza o apoio ao sector profesional das artes ao vivo para superar a crise da covid

Incrementa en 300.000 euros o orzamento destinado á cultura profesional e mantén a ampliación de prazo para espectáculos até o 31 de marzo de 2022.

Compañías, artistas e agrupación terán até o vindeiro 26 de febreiro para inscribirse no catálogo do circuíto cultural

A Rede Cultural da Deputación da Coruña reforza o apoio ao sector profesional das artes ao vivo para superar a crise da covid

A área de Cultura da Deputación da Coruña abre a convocatoria para unha nova edición da Rede Cultural, o máis sólido circuíto de espectáculos no territorio, con novidades que adaptan as bases á situación de crise provocada pola pandemia. Entre outras, contempla un incremento de arredor de 300.000 € para o sector profesional nun orzamento que pasa a 1.900.000 €.

Compañías, artistas, empresas de distribución audiovisual ou agrupacións terán até o día 26 de febreiro para inscribirse no catálogo da nova edición da Rede Cultural da Deputación da Coruña que publica hoxe as súas bases modificadas para axustarse á situación sanitaria provocada pola covid e á necesidade de contribuír á recuperación do sector que atravesa unha importante crise debido ao confinamento e á cancelación de espectáculos ao vivo.

Neste sentido, a nova edición do circuíto cultural da Deputación da Coruña contempla un importante incremento para o sector profesional ao que se destina case a totalidade do orzamento, con 300.000 € máis para contratacións que na edición anterior. De igual maneira que na pasada convocatoria, a área de Cultura da Deputación da Coruña prolonga o período de actuacións que pasa a rematar o 31 de marzo do 2022, para posibilitar a execución das programacións ao completo.

"A Rede Cultural da Deputación da Coruña é o máis sólido circuíto no territorio e, como non podería ser doutro xeito, nesta nova edición, convocada xa na pandemia, quixemos adaptar as bases á nova situación provocada pola Covid, ampliando o tempo de programación e reforzando de maneira especial o orzamento destinado a cultura profesional nun momento de especial relevancia para o mantemento das empresas e o emprego no sector", anota o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

A Rede Cultural inclúe este ano as categorías profesionais de "Escena ao Vivo!" de espectáculos de teatro, monicreques, maxia, danza e música; "Visións" de cinema e contidos audiovisuais e "Lingua a escena!" destinada á promoción do galego a través da cultura ademais de "Alicerces" de agrupacións non profesionais pero só para a contratación por parte dos concellos. Tamén a causa da pandemia, esta nova edición non convoca o programa Alicerces para a contratación por parte de entidades que, se a situación se normaliza, volverá á Rede Cultural en próximas edicións.

Para Xurxo Couto, a Rede Cultural suporá, "un incremento importante no nivel de contratación do sector xa que, aos case dous millóns a achega da Deputación súmase o orzamento que vén dos concellos nun programa que permite que a cultura chegue ao vivo á totalidade do territorio da provincia, converténdose nunha ferramenta de especial valor na promoción e difusión da cultura en todas as súas expresións". 

Ao respecto, destaca o esforzo da institución para ampliar o programa que pasou dun orzamento de 956.932 € no ano 2014 aos 1.900.000€ que se destinarán en 2021. As bases da convocatoria contemplan tamén a adecuación das actividades aos protocolos sanitarios de cada momento ademais doutras normas de boas prácticas na xestión cultural.

A Rede Cultural busca desta maneira garantir unha oferta cultural diversificada e de calidade nos municipios da provincia, favorecendo a capacidade dos concellos da provincia para desenvolver programacións culturais para os seus veciños e veciñas.

A primeira fase de inscrición de espectáculos estará aberta até o día 26 de febreiro e os concellos terán desde o 5 ao 20 de abril para solicitar participar no programa coa escolla das distintas propostas. A resolución de adxudicación realizarase antes do 30 de abril de 2021. A Deputación achega o 75% do orzamento para concellos de menos de 5.000 habitantes, o 60% para os que non chegan a 10.000; 50% para os que van até 20.000; o 40% para o tramo que chega a 50.000 e un 30% para os concellos de máis dese número de habitantes.

As bases completas pódense consultar no BOP deste xoves 11 de febreiro. Gabinete de Prensa Deputación da Coruña

Páxinas suxeridas