Estás en:Novas

O Festival Rosalía toma as redes cun amplo programa que inclúe música, literatura e unha feira dixital de produtos

A Área de Cultura da Deputación da Coruña promove a cuarta edición do programa desta volta en formato dixital 

A rapeira Aid, as músicas Guadi Galego ou Uxía, escritoras como María Reimóndez, Rosalía Fernández ou Antía Yáñez e un feixe de propostas creadas arredor da grande figura da nosa cultura compoñen o programa 

O Festival Rosalía toma as redes cun amplo programa que inclúe música, literatura e unha feira dixital de produtos

Do día 18 de febreiro ao 3 de marzo desenvolverase na rede o Festival Rosalía da área de Cultura da Deputación da Coruña que chega a súa cuarta edición marcada pola pandemia. Persoas de distintos ámbitos do mundo da cultura participarán neste encontro dixital arredor de Rosalía, desde a rapeira Aid, as músicas Guadi Galego ou Uxía, escritoras como María Reimóndez, Rosalía Fernández ou Antía Yáñez e un feixe de propostas creadas arredor da grande figura da nosa cultura.

Rosalía de Castro será de novo a protagonista da cuarta edición do festival que este ano se desenvolverá do 18 de febreiro ao 3 de marzo, exclusivamente en liña debido ás restricións sanitarias vixentes. O Festival prolonga, deste xeito, a súa duración, mantendo como data principal o 24 de febreiro, día do nacemento de Rosalía de Castro.

"Como en anos anteriores, queremos mostrar unha Rosalía moi actual, que se revisita en cada xeración, con propostas novas e adaptada tamén aos tempos que estamos a vivir, con difusión a través da rede dada a imposibilidade de poder realizar o festival como en edicións anteriores, en espazos públicos e con asistencia de multitude de persoas", sinala o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto.

A imaxe da Rosalía superheroína, en constante evolución, preside de novo o cartel do Festival Rosalía, evento organizado pola Área de Cultura da Deputación da Coruña, que nesta ocasión se desenvolverá desde as súas contas nas redes sociais Facebook, Twitter, Instagram e YouTube. O Festival dará comezo o día 18 de febreiro e contará con colaboracións audiovisuais de persoas procedentes de diferentes ámbitos da nosa cultura.

Nesta nova edición do Festival participarán dezasete creadoras e librarías procedentes dos mundos da literatura (María Reimóndez, Rosalía Fernández Rial e Antía Yáñez), da música (Uxía, Guadi Galego e a rapeira Aid), do teatro (Larraitz Urruzola, Nate Borrajo e Tero Rodríguez), do cinema (Zaza Ceballos), da creación e a artesanía (Amorote, Deica Creacións, Rei Zentolo, OZOCOgz, Punto e Coma), e das librarías (Libraría Pedreira e Libraría Lila de Lilith). No catálogo de participantes incluíronse boa parte das empresas e selos que en anos anteriores protagonizaron a feira de produtos dentro do Festival Rosalía.

Estes testemuños audiovisuais fornecerannos exemplos concretos do impacto e vixencia que hoxe ten a obra de Rosalía de Castro en diferentes ámbitos da creación artística galega do século XXI.

Na ruta de Rosalía

De xeito paralelo, e con vontade divulgativa sobre a escritora, realizaranse sete publicacións sobre sete localizacións relevantes relacionadas coa súa vida e que se englobarán baixo o cancelo #Rosalía7lugares.

"O Festival dará imaxe da ampla dimensión de Rosalía, da figura reivindicativa e da grandísima escritora e tamén do potencial que ten a todos os niveis, tamén de atractivo para un territorio fermosísimo que é o vinculado a súa biografía que nace en Santiago pero se desenvolve por distintos espazos como Padrón ou Bastavales, por citar só dous deles", engade Xurxo Couto.

Con este novo formato virtual, a Área de Cultura adapta o Festival Rosalía á situación sanitaria actual, dándolle así continuidade á homenaxe anual a Rosalía, reivindicándoa como escritora actual e universal, defensora dos dereitos da Galiza e das mulleres.

Páxinas suxeridas