Estás en:Novas

Cultura da Deputación da Coruña convoca cinco premios para promover a creación literaria

O Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero chega a súa quinta edición

Cultura da Deputación da Coruña convoca cinco premios para promover a creación literaria

A área de Cultura da Deputación da Coruña convoca este ano cinco premios co obxectivo de animar a creación literaria. Literatura infantil e xuvenil, textos teatrais, ensaio e narrativa son as categorías que premiará a institución que convoca tamén a quinta edición dos Premio Begoña Caamaño á acción cultural.

Do catálogo de certames da área de Cultura da Deputación da Coruña, este ano convócanse cinco destinados a premiar a creación literaria nas distintas disciplinas dos que hoxe se publican as bases no Boletín Oficial da Provincia como primeira entrega á que se sumarán en breve os de artes e música. O Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil, o Rafael Dieste de Textos Teatrais e o Manuel Murguía de Ensaio iniciarán o prazo de presentación de orixinais nos próximos días, un período que se manterá aberto até o 15 de abril. As persoas que queiran presentarse ás dúas categorías do Torrente Ballester de Narrativa, en galego e castelán, poderán facelo até o 15 de xuño deste mesmo ano.

"A área de Cultura da Deputación da Coruña comeza a publicar as bases dos premios culturais cos referidos ao ámbito literario ás que se engadirán, nos próximos días os artísticos e musicais. Con esta convocatoria, apostamos polo apoio á creación cultural nas súas distintas disciplinas, un ámbito que tamén precisa o compromiso das institucións en momentos como este", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

Os Torrente Ballester consolídanse como os con máis tradición do conxunto de certames da Deputación da Coruña chegando a súa edición XXXIII cun premio de 12.000 €. Vinte edicións suma o Rafael Dieste de Textos Teatrais e quince o Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil dos que as persoas gañadoras recibirán 6.500 €, o mesmo que Manuel Murguía de Textos Teatrais que convoca a súa edición número trece. Todos os certames literarios inclúen a publicación da obra gañadora no premio.

Cinco anos premiando a igualdade na cultura

A área de Cultura da Deputación da Coruña publica tamén hoxe as bases da quinta edición do Premio Begoña Caamaño que recoñece a traxectoria de persoas, colectivos ou entidades e propostas artísticas comprometida coa promoción da igualdade de xénero desde o pensamento feminista e desde o campo da cultura. Neste caso, as candidaturas pódense presentar até o 15 de abril e as persoas que formen parte do xurado poderán sumar candidaturas cando menos 72 horas antes da reunión de deliberación. A Libraría de Mulleres Lila de Lilith, o Observatorio da Mariña pola Igualdade, a compañía teatral, Elas tamén Pintan, A Panadaría ou Implicadas no Desenvolvemento gañaron o Begoña Caamaño en anteriores edicións. Gabinete de Prensa

Páxinas suxeridas