Estás en:Novas

A Deputación da Coruña apoia iniciativas de empresas do sector cultural cun orzamento de 400.000 €

O prazo para presentar propostas estará aberto até o 31 de marzo

Convoca dúas liñas de axudas, unha para proxectos singulares e outra para difusión audiovisual

A Deputación da Coruña apoia iniciativas de empresas do sector cultural cun orzamento de 400.000 €

Cun orzamento de 400.000 €, a área de Cultura da Deputación da Coruña convoca dúas novas liñas de axuda destinadas ao apoio do sector cultural privado. A de proxectos singulares está dotada con 275.000 e a de difusión audiovisual de 125.000 e as empresas terán de prazo para presentarse até o vindeiro 31 de marzo. A área de Cultura da Deputación da Coruña achega 400.000 € ás empresas culturais para o desenvolvemento e difusión dos seus proxectos a través de dúas liñas de apoio, unha para proxectos singulares de especial interese e apoio á distribución de audiovisuais en lingua galega son os obxectos das convocatorias.

A convocatoria para proxectos singulares está dotada con 275.000 € que se distribuirán en axudas de até 30.000 €, o 80% dos gastos subvencionábeis. As iniciativas presentadas serán valoradas cuns criterios obxectivos que se publican na base entre os que se atopan a presenza de mulleres no proxecto, antigüidade, implicación de centros educativos ou persoas con diversidade funcional e tamén a valoración dunha comisión técnica especializada.

"Esta liña está destinada a apoiar producións singulares de especial interese social e cultural e, a través dela desenvolvéronse en anteriores edicións iniciativas que, se non existir, non terían visto a luz nun momento de crise para o sector como é este co cal agardamos que este ano se continúen a sumar proxectos que teñan alcance e repercusión para a sociedade"", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

A área de Cultura da Deputación da Coruña promove tamén o apoio a empresas audiovisuais para a distribución, comercialización e exhibición en lingua galega c un orzamento de 125.000 € que se repartirá en axudas de até 45.000 €. O obxectivo da liña de axudas é axudar a garantir o acceso a filmes, documentais e películas en lingua galega, recoñecendo a importancia estratéxica do sector audiovisual na creación cultural e tamén na normalización da lingua.

"Con esta convocatoria quérese apoiar a distribución de produtos audiovisuais na nosa lingua respondendo a unha demanda do sector que botaba en falta axudas para que os seus proxectos puidesen chegar ao público·, sinala Xurxo Couto que destaca tamén o alto nivel do sector galego mais tamén as dificultades que atopa na súa difusión.

Na convocatoria recóllese que a área de Cultura da Deputación da Coruña, nunha realidade social, económica e cultural claramente condicionada pola crise sociosanitaria da Covid19, renova a súa aposta polo apoio ao sector cultural e, moi especialmente, a aquelas iniciativas máis directamente vinculadas á creación de emprego e mantemento de estruturas profesionais e creativas.

De forma extraordinaria en 2021, e por esta situación excepcional, as actividades dos dous programas poderán realizarse até o 31 de marzo de 2022 e os proxectos que reciban subvencións superiores a 15.000 euros, contémplase o pagamento en dous prazos.