Estás en:Novas

O Foro Económico e Social da Deputación, espazo de traballo e diálogo para a construír o futuro da provincia

O foro, constituído esta mañá nun acto celebrado no Pazo de Mariñán, contará con representación da patronal, sindicatos, universidades da provincia (UDC e USC) e outros axentes sociais, ademais do propio ente provincial.

González Formoso destaca que o FES xogará un papel moi importante no deseño de plans e proxectos estratéxicos para o futuro da provincia da Coruña en materias como emprego, industria ou loita contra a covid-19.

"O FES nace nun momento no que todas as entidades que representamos a sociedade da provincia requirimos dun esforzo enorme para superar a pandemia, non só a nivel sanitario, senón tamén no aspecto laboral e económico", destaca o presidente

O  Foro Económico e Social da Deputación, espazo de traballo e diálogo para a construír o futuro da provincia

A Deputación da Coruña une forzas cos axentes sociais da provincia e crea o seu Foro Económico e Social (FES), que terá un destacado papel no asesoramento ao goberno provincial no deseño de plans estratéxicos en eidos chave para o futuro da provincia coma o emprego, o desenvolvemento industrial, a loita contra a covid-19 ou os fondos europeos de recuperación. O presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, presidiu esta mañá no Pazo de Mariñán o acto de constitución deste ente consultivo.

A través do FES, a Deputación busca configurar un espazo común de traballo e diálogo permanente onde se atopan representados a patronal galega, sindicatos, as universidades da provincia (UDC e USC) e outros axentes sociais, ademais do propio ente provincial. O Foro nace para analizar, debater e reflexionar sobre a situación económica e social do territorio coruñés coa finalidade de avaliar medidas concretas de actuación por parte das institucións, formular novas propostas e solucións nos ámbitos sinalados e colaborar na planificación estratéxica de proxectos no ámbito da provincia.

O presidente Valentín González Formoso valorou moi positivamente esta primeira reunión constitutiva, "na que acordamos que isto non será un foro máis, senón que constituirá un espazo práctico e permeable que faga partícipe das accións e proxectos da Deputación á gran representación social e económica da provincia da Coruña, que é o motor económico Galicia", indicou.

O presidente provincial destacou que o FES "nace nun momento no que todas as entidades que representamos á sociedade da provincia requirimos dun esforzo enorme para superar a pandemia, non só a nivel sanitario, senón tamén no aspecto de ilusionar a unha sociedade que necesita ver luz ao final do túnel no aspecto laboral e económico, que poida garantir un futuro laboral ás xeracións presentes e futuras" e considerou que as visións das institucións e axentes sociais que integran o FES enriquecerán coas súas propostas as políticas da Deputación da Coruña para impulsar a recuperación social e económica tras a pandemia.

O acto de constitución do órgano consultivo celebrado esta mañá no Pazo de Mariñán, en Bergondo, estivo presidido polo presidente da Deputación, e contou coa presenza dos reitores das universidades da Coruña e Santiago, Julio Abalde e Antonio López, o presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla, e os secretarios xerais comarcais da Unión Xeral de Traballadores(UGT), Ángel Iglesias, e Comisións Obreiras (CC.OO.), Cristóbal González, entre outros.

González Formoso ocupará a presidencia do FES, que contará con doce membros escollidos polas organizacións sindicais máis representativas no ámbito provincial, a organización empresarial intersectorial que goce de máis representatividade, a UDC e a USC e a Deputación.

Páxinas suxeridas