Estás en:Novas

Comezan os obradoiros en liña través dos que a Deputación busca concienciar a mocidade sobre as fake news

EuropeDirect A Coruña, centro pertencente ao ente provincial, impartirá unha serie de obradoiros e debates cos que analizar o universo informativo europeo.

O programa comezou hoxe cun taller sobre a busca de información oficial da Unión Europea que contou coa intervención da ESN Santiago e da Escola Embaixadora do Parlamento Europeo IESP Eusebio da Guarda.

Comezan os obradoiros en liña través dos que a Deputación busca concienciar a mocidade sobre as fake news

O centro EuropeDirect da Deputación da Coruña celebrou hoxe o primeiro obradoiro en liña do programa 'Información vs. Desinformación', a través do que pretende concienciar á mocidade sobre as fake news co obxectivo de ensinarlle a protexerse delas e buscar información veraz.

O primeiro taller dentro do marco desta iniciativa foi inaugurado esta tarde polo deputado responsable da área de Persoal e Facenda, Antonio Leira, e versou sobre "Onde buscar información acerca da UE"'. A través desta actividade, as persoas participantes puideron descubrir as vías existentes para acceder a información oficial da Unión Europea.

"A finalidade deste obradoiro é que a xuventude poida informarse de xeito fiable, analizando as fontes oficiais de información a nivel local, nacional e europeo", explicou Leira. O taller contará coa intervención da ErasmusStudent Network (ESN) de Santiago e da Escola Embaixadora do Parlamento Europeo IESP Eusebio da Guarda.

As actividades continuarán o día 25 de febreiro ás 16:00 horas co taller online 'Cres todo o que les nas redes? #UERadarBulos', que estará impartido por Maldita.es e que consistirá na verificación de noticias falsas sobre a UE.

O peche deste programa de formación terá lugar o 4 de marzo co curso 'Que non che coen nin un bulo!', no que a mocidade aprenderá a identificar a desinformación.

Como participar

As persoas interesadas en participar neste tipo de actividades deberán ser socias do ClubUE, espazo que vincula a mozos e mozas de 18 a 30 anos interesados en coñecer as oportunidades que ofrece a UE. As inscricións deberán realizarse a través do seguinte enlace /accesos-directos/formularios/europe-direct/informacion-vs-desinformacion-no-club-ue/

Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331.

Máis información dispoñible en www.dacoruna.gal/europedirect.

Páxinas suxeridas