Estás en:Novas

A Deputación adxudica por 385.674 euros as obras de construción de sendas sendas peonís en Tufións (Vimianzo)

As obras contribuirán a mellorar a seguridade peonil coa execución de sendas 1,80 metros de ancho en ambas as dúas marxes da calzada

Inclúen tamén a renovación do firme da estrada e do alumeado público, coa instalación de 16 luminarias LED

A Deputación adxudica por 385.674 euros as obras de construción de sendas sendas peonís en Tufións (Vimianzo)

FOTO (ARQUIVO): Visita do presidente e o deputado de Vías e Obras a Vimianzo

A Deputación da Coruña acolleu hoxe a sinatura do contrato das obras de construción de sendas peonís na estrada DP 1603 ao seu paso por Tufións, na parroquia de Cereixo (Vimianzo), adxudicadas por 385.674,30 euros.

O deputado responsable do departamento de Vías e Obras, José Manuel Pequeño, explicou que a Deputación activa así un proxecto que responde á demanda realizada no seu día pola alcaldesa de Vimianzo co obxecto de mellorar a seguridade nunha zona que conta con numerosas vivendas e parcelas de uso agrario e que actualmente carece de beirarrúas ou espazos seguros para o paso peonil.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, resalta a que a construción das sendas peonís é "esencial para a mellora da seguridade viaria dos peóns ao poder camiñar sen invadir a calzada". Apunta que ademais permitiralle á veciñanza "novas opcións para incrementar a mobilidade entre os núcleos".

As obras, que comezarán a executarse esta primavera, céntranse no tramo que discorre entre os puntos quilométricos 2+850 e 3+480, onde se construirán sendas en ambas marxes da calzada, o que suporá unha importante mellora para a accesibilidade e seguridade dos habitantes deste núcleo, facilitando os seus desprazamentos sen necesidade de ocupar a calzada.

As sendas, de 1,80 metros de ancho construiranse con firme de mestura bituminosa estarán delimitadas con bordos prefabricados para separalas do tráfico rodado.

Tamén se actuará sobre o firme da estrada, renovando o seu acabado mediante a dotación dunha capa de mestura bituminosa en quente de 5 cm de espesor, instalarase un novo sistema de recollida de pluviais para mellorar a drenaxe da vía e dotarase ao tramo de novo sistema de alumeado público, soterrando as liñas aéreas actuais e instalando 16 novas luminarias LED con soportes de 9 metros de altura, que mellorarán o alumeado da calzada e suporán un importante aforro enerxético.

Páxinas suxeridas