Estás en:Novas

A Capela mantén a aposta polo aforro e a mellora da eficiencia enerxética coa FAEPAC da Deputación da Coruña

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde Manuel Meizoso asinaron o convenio polo que o municipio seguirá contando cos servizos da Axencia Enerxética Provincial  para a mellora da eficiencia enerxética e o uso racional da enerxía

A Capela mantén a aposta polo aforro e a mellora da eficiencia enerxética coa FAEPAC da Deputación da Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinou hoxe co alcalde da Capela, Manuel Meizoso, a renovación do convenio polo que a Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), manterá os servizos de asesoramento ao municipio en materia de aforro e eficiencia enerxética.

Os técnicos da FAEPAC continuarán, un ano máis, desenvolvendo para A Capela un plan individualizado de mellora da eficiencia enerxética, uso racional da enerxía e fomento de fontes renovables.

A axencia provincial tamén se compromete a  prestar asesoramento técnico en todas as actuacións que desenvolva o concello en materia enerxética. Neste sentido, realizarase un seguimento e control do consumo de electricidade, auga quente e calefacción dos servizos públicos e manterase informado ao concello sobre as modificacións lexislativas e tarifarias, as convocatorias de axudas públicas nacionais e europeas e os novos materiais, produtos sistemas e servizos susceptibles de seren implantados nas instalacións municipais.

González Formoso manifestou que, a través da prestación destes servizos, un dos obxectivos do goberno provincial é "utilizar o coñecemento da FAEPAC para axudar aos concellos a aforrar na súa factura eléctrica", un gasto que para algúns municipios do ámbito rural supón a maior partida do seu gasto corrente.

Pola súa banda, Manuel Meizoso destacou que os servizos da FAEPAC permiten o Concello da Capela analizar polo miúdo o seu consumo eléctrico e formular novas estratexias de eficiencia enerxética que supoñen un importante aforro. Neste sentido, lembrou que o municipio vén desenvolvendo nos últimos anos distintas accións neste eido, como a substitución progresiva do antigo alumeado público nas distintas parroquias por unha nova rede con tecnoloxía LED, con menor consumo.

A FAEPAC, fundada no ano 2006,  presta servizos de asesoría e de análise e control de facturación eléctrica aos concellos coruñeses, permitindo importantes aforros aos municipios.

Páxinas suxeridas