Estás en:Novas

Rianxo mantén a aposta polo aforro e a mellora da eficiencia enerxética coa FAEPAC da Deputación da Coruña

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde Adolfo Muíños asinaron o convenio polo que o municipio seguirá contando cos servizos da Axencia Enerxética Provincial  para a mellora da eficiencia enerxética e o uso racional da enerxía

Rianxo mantén a aposta polo aforro e a mellora da eficiencia enerxética coa FAEPAC da Deputación da Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinou hoxe co alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, a renovación do convenio polo que a Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), manterá os servizos de asesoramento ao municipio en materia de aforro e eficiencia enerxética.

Os técnicos da FAEPAC continuarán, un ano máis, desenvolvendo para Rianxo  un plan individualizado de mellora da eficiencia enerxética, uso racional da enerxía e fomento de fontes renovables.

A axencia provincial tamén se compromete a  prestar asesoramento técnico en todas as actuacións que desenvolva o concello en materia enerxética. Neste sentido, realizarase un seguimento e control do consumo de electricidade, auga quente e calefacción dos servizos públicos e manterase informado ao concello sobre as modificacións lexislativas e tarifarias, as convocatorias de axudas públicas nacionais e europeas e os novos materiais, produtos sistemas e servizos susceptibles de seren implantados nas instalacións municipais.

González Formoso manifestou que, a través da prestación destes servizos, un dos obxectivos do goberno provincial é "utilizar o coñecemento da FAEPAC para axudar aos concellos a aforrar na súa factura eléctrica", un gasto que para algúns municipios do ámbito rural supón a maior partida do seu gasto corrente.

Pola súa banda, Adolfo Muíños destacou que os servizos da FAEPAC permiten ao Concello de Rianxo analizar polo miúdo o seu consumo eléctrico e formular novas estratexias de eficiencia enerxética que supoñen un importante aforro.

A FAEPAC, fundada no ano 2006,  presta servizos de asesoría e de análise e control de facturación eléctrica aos concellos coruñeses, permitindo importantes aforros aos municipios.

Páxinas suxeridas