Estás en:Novas

González Formoso pon as obras de Tella (Ponteceso) como exemplo das melloras que supón o Plan Único no rural da provincia

Os fondos provinciais permitiron ampliar a vía de Tella ata os 6 metros de ancho e agora están executándose as obras de acondicionamento da contorna do local social e a mellora da rede de saneamento na aldea

O presidente aproveitou esta visita para "agradecer a xenerosidade dos veciños e veciñas que cederon os terreos gratuitamente" e destacou que é importante que "Ponteceso non perda os fondos do Plan Único"

Lois García Carballido agradeceu a visita "para ver como en Ponteceso os fondos provinciais están ben empregados e serven para mellorar a vida da veciñanza"

González Formoso pon as obras  de Tella (Ponteceso) como exemplo das melloras que supón o Plan Único no rural da provincia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, levou a cabo hoxe unha visita institucional a Ponteceso co obxectivo de avaliar as importantes obras levadas a cabo en Tella, que definiu como "un exemplo de como o Plan Único mellora os núcleos rurais".

Os fondos provinciais permitiron financiar un proxecto valorado en 255.175,80 euros polo que xa se levou a cabo a ampliación da vía  de Tella e agora están a executarse as obras de acondicionamento da contorna do local social. Unha actuación integral na zona, acorde co patrimonio, que trae consigo unha importante mellora na seguridade viaria.

No caso da vía, ampliouse ata os 6 metros de ancho e pavimentarase, e no local social mellorarase o acceso a este a través dun novo pavimento de formigón coloreado sobre o actual e crearase un novo ramal que o conecte coa pista deportiva existente.

Ademais, os traballos inclúen a creación dunha rede de saneamento que permita a conexión do local social e do colexio á rede xeral, así como a canalización de pluviais do edificio. Por último, realizaranse accións de mellora no camiño que dá acceso á aldea de Tella e na drenaxe na contorna das casas.

González Formoso quixo destacar "a xenerosidade e o compromiso dos veciños e veciñas de Tella, que deron unha lección cedendo os terreos gratuitamente nunha zona urbana de demanda de vivenda e que ten un valor no mercado" e aproveitou para subliñar que "é importante que Ponteceso non perda agora os fondos do Plan Único".

Pola súa parte, Lois García Carballido, quixo agradecer "a visita do presidente para ver como en Ponteceso os fondos provinciais están ben empregados e serven para mellorar a vida da veciñanza" e lembrou que "a execución dos plans sempre é do 100% na obra e coas baixas que recibimos despois tamén nos dan diñeiro para outros plans que cambian a vida da xente".

Páxinas suxeridas