Estás en:Novas

Cambre destina 156.154 euros do Plan Único da Deputación a renovar o abastecemento de auga de Brexo Lema e pavimentar rúas

A achega provincial permitirá que o Concello renove o abastecemento en Corgo, Outeiro e Bandebó.

Tamén incrementará a seguridade viaria a través da pavimentación da rúa Miguel González Garcés e o camiño das Gamelas.

Cambre destina 156.154 euros do Plan Único da Deputación a renovar o abastecemento de auga de Brexo Lema e pavimentar rúas

A Deputación da Coruña achega, a través do Plan Único, 156.154,44 euros para obras de mellora no abastecemento da parroquia de Brexo Lema e na seguridade viaria coa pavimentación da rúa Miguel González Garcés e do camiño das Gamelas, en Cambre.

O Concello empregará parte dos fondos do Plan Único da Deputación para levar a cabo demandadas actuacións como a da renovación da rede de abastecemento en Corgo, Outeiro e Bandebó, na parroquia de Brexo Lema. Unha iniciativa que permitirá renovar esta rede, que conta con máis de 30 anos de antigüidade e que non goza da presión suficiente en época de verán e tampouco con caudal para a conexión de novos usuarios. Así pois, renovarase a rede coa instalación de nova tubaxe PVC a través dun investimento provincial de 89.665,45 euros. As obras, que se atopan en fase de licitación, teñen un prazo de execución de 3 meses.

Por outra banda, levaranse a cabo tamén tarefas para mellorar a seguridade viaria a través da pavimentación da rúa Miguel González Garcés e do camiño das Gamelas. O Plan Único provincial achega 66.529,10 euros para o mantemento destas zonas, que contan cun amplo volume de tráfico, dotándoa dunha nova capa de mestura bituminosa en quente. As obras están en fase de licitación e contarán cun prazo de execución de 4 meses.

As empresas interesadas nalgunha das actuacións poderán presentar ofertas ata o 10 de marzo de 2021.

Páxinas suxeridas