Estás en:Novas

A Deputación destina 289.252 euros para levar a cabo tres proxectos de mellora da seguridade viaria en Trazo

Os fondos, do Plan Único, permitirán financiar as seguintes obras: construción de beirarrúas en Viaño Pequeno e senda en Ventas de Lengüelle, pavimentación de rúas en Viaño Pequeno e conservación de vías en Castelo e Vilouchada

A Deputación destina 289.252 euros para levar a cabo tres proxectos de mellora da seguridade viaria en Trazo

A Deputación da Coruña destina, a través do Plan Único, 289.252 euros para financiar na súa totalidade tres proxectos de mellora da seguridade viaria en Trazo e que acaba de sacar a licitación o Concello.

As obras que se levarán a cabo con fondos provinciais son: a construción de beirarrúas en Viaño Pequeno e a continuación da senda en Ventas de Lengüelle, a pavimentación de diferentes rúas en Viaño Pequeno e, por último, a conservación de vías en Castelo e Vilouchada.

O primeiro, valorado en 93.215 euros, permitirá a execución de novas beirarrúas nun tramo de 215 metros na vía de Viaño Pequeno na que se atopa o colexio e o tanatorio, que pasarán de ter un ancho de 1 metro a 1,8 metros, e no firme da calzada aplicarase un tratamento por medio de regas e pintaranse as prazas de aparcamento. Ademais, inclúe a continuación da actual senda existente en Ventas de Lengüelle no tramo de 200 metros de lonxitude que resta por construír e que se fará coas mesmas características da actual, instalando tamén unha rede de pluviais e as tubaxes soterradas para a iluminación.

No caso do proxecto para a pavimentación de rúas en Viaño Pequeño, que conta cun orzamento de 77.467 euros, o obxectivo é aplicar unha capa de aglomerado nas vías que comunican a casa do concello co polideportivo, o polideportivo coa CP-5903 e a que, desde esta vía provincial, dá acceso ao tanatorio e o colexio.

Por último, está en licitación tamén por 118.570 euros un plan para a renovación do firme en varios camiños nas parroquias de Castelo e Vilouchada. No caso da parroquia de Castelo, actuarase nun camiño de 300 metros de lonxitude na Igrexa de Castelo e outro de 350 metros en Pumar. Na parroquia de Vilouchada traballarase nun camiño de 510 metros no núcleo de Vilouchada e noutro de 330 metros da Igrexa de Vilouchada. Ademais, o proxecto tamén inclúe a reparación de dous tramos do camiño na estrada da parroquia de Morlán, un de 1.580 metros e outro de 1.260 metros.

O prazo para presentar ofertas a estres tres proxectos remata o 9 de marzo.