Estás en:Novas

A Deputación colaborará coa Asociación Española Contra o Cancro na difusión dos seus servizos nos concellos rurais

Valentín González Formoso, destacou "o gran labor social" que desenvolve a AECC e mostrou a disposición da institución provincial a colaborar coa entidade na difusión destes servizos para que sexan coñecidos e aproveitados tamén polas persoas que residen nos pequenos concellos rurais da provincia

A Deputación colaborará coa Asociación Española Contra o Cancro na difusión dos seus servizos nos concellos rurais

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse co presidente provincial da Asociación Española contra o Cancro (AECC), Manuel Aguilar, e a xerente da entidade, Gema García Abril, para abordar novas liñas de colaboración conxunta.

Os responsables da AECC na provincia da Coruña destacaron a longa traxectoria de colaboración que manteñen coa Deputación a través das liñas de subvencións que convoca cada ano a Área de Benestar Social e detallaron os diferentes programas e servizos gratuítos, destinados tanto ás persoas con cancro como ás súas familias, que ofrecen a través das catro xuntas locais e 44 delegacións coas que contan na provincia, algúns deles co apoio económico da Deputación.

Entre estes servizos, segundo explicou o presidente provincial da AECC, figuran campañas de prevención (cursos de deshabituación tabáquica, charlas en centros escolares e universitarios,...), servizos de atención psicolóxica e social para persoas diagnosticadas con cancro e as súas familias, talleres ocupacionais, intervención logopédica individual e grupal, en modo presencial en liña, ademais dos servizos que ofrecen os voluntarios da entidade coma acompañamento hospitalario ou no domicilio.

A entidade conta tamén cun teléfono 24 horas de atención gratuíta (900 100 036) no que se ofrece información e orientación sociosanitaria e psicolóxica os sete días da semana.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou "o gran labor social" que desenvolve a Asociación Española contra o Cancro e mostrou a disposición da institución provincial a colaborar coa entidade na difusión destes servizos para que sexan coñecidos e aproveitados tamén polas persoas que residen nos pequenos concellos rurais da provincia.

Páxinas suxeridas