Estás en:Novas

O alcalde de Corcubión solicita o apoio da Deputación para a mellora de distintas infraestruturas municipais

Manuel Insua reuniuse con Valentín González Formoso e pediu o apoio económico da institución provincial para mellorar o campo de fútbol e Casa da Cultura

O Plan Único inviste este ano 200.773 euros no municipio, dos que 40.000 serán para gastos sociais

O alcalde destaca que o carácter de "centro administrativo comarcal" de Corcubión ocasiona importantes gastos de mantemento de edificios coma o rexistro, os xulgados, o cuartel da Guardia Civil ou Capitanía Marítima

O alcalde de Corcubión solicita o apoio da Deputación para a mellora de distintas infraestruturas municipais

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, reuniuse co alcalde de Corcubión, Manuel Insua, e o tenente alcalde, José Louro, cos que abordou os investimentos que a Deputación está realizando no municipio e as novas necesidades que presenta o goberno local.

O presidente e o alcalde abordaron as importantes melloras que o Plan Único supuxo para o concello, con investimentos que superan o millón de euros desde a súa creación, aos que este ano se suman outros 200.773 euros, dos que 40.000 € se destinarán a reforzar os servizos sociais do municipio para facer fronte ás consecuencias da pandemia.

O alcalde explicou que ao longo dos últimos catro anos, o Plan Único permitiu a Corcubión acometer importantes obras coma o saneamento e pavimentación da travesía San Marcos e das rúas Moncho Reboiras, Salvador Allende, J.B. Carrera Fábregas ou a Avenida da Mariña, unhas actuacións que continuarán este ano no casco histórico de Corcubión.

O alcalde solicitou tamén o apoio da Deputación para as "melloras necesarias" en diferentes infraestruturas municipais como o campo de fútbol e a Casa da Cultura e destacou que, a pesar de tratarse do municipio máis pequeno da provincia pola súa extensión (apenas 7 quilómetros cadrados e menos de 2.000 habitantes), o carácter de "centro administrativo" de Corcubión, capital tamén do partido xudicial, ocasiona importantes gastos no mantemento de edificios públicos que non son de titularidade municipal coma os xulgados, o rexistro, Capitanía Marítima e o cuartel da Guardia Civil.

Páxinas suxeridas