Estás en:Novas

O concello de Coristanco suma a través do Plan Único da Deputación da Coruña un total de 5,5 millóns de euros

O vicepresidente, Xosé Regueira, visitou no concello distintas rúas nas que se fixeron melloras nun día en que se recibiu o tractor triturador valorado en máis de 75.000 €

O alcalde, Juan Carlos García Pose, destacou a cooperación institucional en obras como a mellora do patio e as pistas deportivas do CPI alcalde Xosé Pichel

Na xuntanza avanzouse tamén na próxima reactivación do Proxecto Anllóns do que participa o concello de Coristanco

O concello de Coristanco suma a través do Plan Único da Deputación da Coruña un total de 5,5 millóns de euros

O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, visitou o concello de Coristanco e reuniuse co seu alcalde de Coristanco, Juan Carlos García Pose, e distintos membros da Corporación para facer balance de cinco anos de Plan Único de concellos que achegou ao municipio un total de 5.495.176€ desde a súa primeira aprobación en 2017 até a actualidade. Entre outras actuacións, achegouse a distintas rúas nas que se fixeron melloras e ao CPI alcalde Xosé Pichel que ten o patio e as pistas renovadas.

O vicepresidente, Xosé Regueira, xunto co alcalde, Juan Carlos García Pose, asistiron á recepción do tractor triturador financiado con fondos provinciais que suporá un importante avance nos labores de limpeza e mantemento das vías municipais. Na xornada, Xosé Regueira visitou tamén distintas vías e o CPI alcalde Xosé Pichel que foron melloradas a través de plans de cooperación coa Deputación da Coruña.

O concello de Coristanco conta xa cun tractor triturador valorado en máis de 75.000 € que suporá unha mellora dos traballos de limpeza e mantemento de vías municipais. O equipamento, que chegou hoxe ao concello de Coristanco, suporá unha maior dispoñibilidade para o coidado de distintos espazos do territorio do concello e suporá tamén un importante aforro a longo prazo en labores nos que o concello investiu só no pasado ano un total de 50.000 €.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, coñeceu de primeira man outras obras desenvolvidas a través de plans provinciais, entre elas, distintas vías do núcleo municipal ás que se lle mellorou o firme e a sinalización como son as rúas Charrúa, Travesía Charrúa, Calvario e Travesía do Calvario. Despois de visitar as rúas, o vicepresidente e o alcalde, acompañados dos tenente alcalde Enrique Tasende e o concelleiro José Antonio Andrade achegáronse ao colexio CPI alcalde Xosé Pichel no que se remataron recentemente as obras de mellora do patio e as pistas deportivas e que será o centro dunha futura actuación que amplíe as posibilidades de circulación a través do concello.

Xosé Regueira destacou o resultado da aplicación do Plan Único de Concellos que, segundo dixo, supón "unha nova maneira de cooperación municipal que mostra, como estamos a ver en Coristanco, que son os concellos os que con máis claridade poden detectar as urxencias e necesidades e procurar investir os orzamentos na mellora da calidade de vida da veciñanza".

Pola súa parte, o alcalde, Juan Carlos García Pose, quixo destacar o papel da Deputación da Coruña no desenvolvemento de proxectos en concellos pequenos xa que, segundo dixo, "sen esa colaboración non se poderían afrontar iniciativas e melloras necesarias que realizamos con orzamento provincial". Neste sentido, sinalou que "só no ano 2020 en Coristanco contratáronse proxectos a través de plans provinciais por valor de 1.440.000 euros o que supón un orzamento moi importante para un concello da nosa dimensión".

Proxecto Anllóns

Na xuntanza, Xosé Regueira e Juan Carlos García Pose avanzaron tamén distintos aspectos da futura reactivación do Proxecto Anllóns que supón unha iniciativa integral de conservación e posta en valor dun río especialmente rico non só en patrimonio natural, etnográfico e patrimonial senón tamén literario, unido á poesía da comarca e, de maneira singular, a Eduardo Pondal. Entre outros aspectos analizáronse as futuras actuacións na parroquia de Verdes como un dos puntos neurálxicos do proxecto, un espazo atravesado por un tramos do río de grande beleza cun conxunto etnográfico de muíños e pontellas con importante valor patrimonial.