Estás en:Novas

A Deputación da Coruña e a CEG coinciden na necesidade de promover a reindustrialización de Galicia cunha planificación “estratéxica”

O presidente da Deputación recibiu hoxe ao seu homólogo da patronal galega, Juan Manuel Vieites, que continúa coa súa rolda de visitas institucionais

González Formoso incidiu na necesidade de "aproveitar o gran potencial de Galicia en sectores estratéxicos" e a "oportunidade histórica" dos fondos europeos de recuperación

A Deputación da Coruña e a CEG coinciden na necesidade de promover a reindustrialización de Galicia cunha planificación “estratéxica”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu esta mañá ao seu homólogo da patronal galega, Juan Manuel Vieites. Os máximos responsables de ambas as dúas entidades coincidiron na necesidade de impulsar a reindustralización de Galicia cunha" planificación estratéxica".

"É necesaria unha aposta urxente pola reindustrialización de Galicia, modernizando a industria existente e apostando pola promoción de novas explotacións a través de proxectos estratéxicos e tractores, que permitan abordar todo o ciclo produtivo, e en todo caso sen renunciar a liderar aquelas fases de maior valor engadido. Refírome a novas industrias sostibles, competitivas, xeradoras de emprego de calidade, que reforcen a capacidade industrial da nosa comunidade autónoma como factor fundamental de tracción da economía e xeración de riqueza".

Así llo trasladou esta mañá o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, continuando coa súa rolda de visitas institucionais desde que chegase ao cargo o pasado día 21 de xaneiro e acompañado, nesta ocasión, por Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC).

E é que segundo o presidente da patronal galega "debemos contar cunha planificación estratéxica que aborde o desenvolvemento industrial e os retos da descarbonización, dixitalización, envellecemento activo, incremento da produtividade, reindustrialización e coxunturalmente afrontar a pandemia e os seus efectos".

Sectores estratéxicos

O presidente da Deputación incidiu na necesidade de "aproveitar o gran potencial de Galicia" en sectores estratéxicos como o enerxético, o forestal, o pesqueiro ou a construción naval, así como aproveitar "a oportunidade histórica" que supoñerán os fondos europeos de recuperación para o futuro da nosa comunidade.

Neste sentido, ambos abordaron tamén á importancia do sector naval, como área estratéxica para Galicia, cuxo futuro pasa pola innovación (estaleiro 4.0) e a diversificación industrial, xogando un papel esencial nese futuro a industria auxiliar, tanto no ámbito dos novos intereses, centrados entre outros, na eólica mariña, como na construción naval propiamente dita. Polo que respecta á minería, o potencial galego neste ámbito debe ser posto en valor e promover o aproveitamento dos recursos con criterios de sustentabilidade e conservación do medio. E é que segundo o presidente da organización empresarial galega a preservación do medio e as debidas garantías que a normativa aplicable establece non deben ser un escollo insalvable para a dinamización e aproveitamento de novas explotacións, senón como condicións a ter en conta no deseño e desenvolvemento de proxectos.

Noutra orde de cousas, o sector agrogandeiro e forestal necesita un plan de desenvolvemento que contribúa a un maior e mellor aproveitamento da súa capacidade produtiva e de xeración de valor. Para iso, a CEG propón o investimento nun plan de desenvolvemento para o campo que poña en valor o potencial de Galicia, promovendo a profesionalización e dimensionamento das explotacións e que aposte por producións sostibles e de calidade e polo establecemento de industrias transformadoras, vinculadas a un modelo de innovación constante que achegue cada vez maior valor engadido aos produtos e materias primas de Galicia.

Isto redundaría na revitalización do rural, a atracción de poboación, a xeración de riqueza e a diminución de incendios forestais. Pola súa banda o sector pesqueiro necesita dunha protección especial, tendo en conta a redución da frota durante os últimos anos ou o impacto do Brexit, entre outros factores. A defensa dos intereses da frota ante a Unión Europea debe contar co apoio decidido das diferentes administracións. Ademais é preciso que se intensifiquen os traballos para o seguimento e desenvolvemento do acordo do Brexit.

Tamén o comercio necesita apoio para a súa modernización e especialización. Segundo Juan Manuel Vieites "o sector debe asumir o reto da súa dixitalización e saída ao mercado global, a través do comercio electrónico, poñendo en valor a competitividade e calidade dos nosos produtos". O presidente da CEG tamén puxo sobre a mesa a necesidade de apoio ao sector da hostalería, restauración e aloxamento, e outros servizos relacionados co turismo, que se viron abocados ao peche e á paralización por culpa da pandemia e que demandan axuda para evitar o peche definitivo dos seus establecementos. Así, esas axudas deben ser de carácter estable e que duren o tempo que se prolongue a crise. Neste punto, e especialmente, Galicia ten que poñer en valor os seus recursos naturais e culturais, especialmente para este ano Santo, que se prolongará ata o 2022, apostando pola potenciación das zonas polas que discorren os diferentes camiños de Santiago.