Estás en:Novas

O alcalde de Muxía solicita o apoio da Deputación para a mellora de infraestruturas no municipio

O alcalde de Muxía solicita o apoio da Deputación para a mellora de infraestruturas no municipio

O presidente da Deputación reuniuse co goberno local de Muxía para achegar posicións coa entidade provincial de cara a estudar diferentes melloras no municipio muxián.

Na reunión participaron o presidente provincial, Valentín González Formoso; o alcalde de Muxía, Iago Toba; a concelleira de Cultura, Olalla Benlloch e o concelleiro de Obras, Javier Romar. O obxectivo desta foi o de valorar coa Deputación a posibilidade de realizar unha das intervencións máis necesarias para Muxía.

Na xuntanza, o grupo de goberno trasladoulle ao presidente da entidade provincial a importancia da intervención na estrada de Lago a Cereixo, un proxecto que sería "moi beneficioso tanto para a seguridade viaria da veciñanza como para a mellora das conexións interparroquiais", sinalaron.

Esta infraestrutura presenta "un estado avanzado de deterioro que implica unha intervención a conciencia", pero a intención do goberno local é "dedicar tamén algunha partida a corrixir problemas de menor calado, pero non por iso menos importantes."

A idea do grupo de goberno respecto dos prazos que se manexan para que esta intervención se leve a cabo "é poder facelo no presente ano, tendo en conta as canles administrativos pertinentes", e o alcalde quixo agradecer "en nome de todo o meu grupo de goberno a atención por parte da Deputación, en especial ao seu presidente, Valentín González Formoso."

Páxinas suxeridas