Estás en:Novas

Cultura da Deputación da Coruña festexa o día de Rosalía cunha xornada especial do seu festival dixital

Uxía, María Reimóndez e o fin da ruta  protagonizan o día grande da escritora

O festival desenvolverase até o vindeiro 3 de marzo con novos contidos arredor da escritora

Cultura da Deputación da Coruña festexa o día de Rosalía cunha xornada especial do seu festival dixital

A música Uxía, a escritora María Reimóndez e o fin do ruta arredor do territorio da vida da escritora son a aposta do Festival Rosalía da área de Cultura da Deputación da Coruña que chega á súa cuarta edición na rede. Ao longo do día 24 de febreiro o Festival Rosalía achegará novas visións ao redor da escritora, desta vez da man da música Uxía e da escritora María Reimóndez, co seu vídeo 360º. Neste día tamén terá o seu fin a serie divulgativa #Rosalía7lugares, que nos deu a coñecer espazos de especial relevancia para a nosa homenaxeada como o lugar de Camiño Novo, Ortoño, o Liceo de la Juventud ou Muxía, entre outros.

O Festival Rosalía cumpre este día 24 de febreiro, data en que se celebra o nacemento de Rosalía de Castro, sete días dunha proposta que se desenvolve por primeira vez unicamente na rede, debido á situación sanitaria provocada pola Covid19.

"A nova proposta na rede está a sorprender con iniciativas distintas que levan á escritora a novas linguaxes e soportes e demostran o actual e poderosa que é a obra e a figura de Rosalía de Castro, unha verdadeira fortuna para a cultura galega", sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto que participará este día 24 nos actos oficiais organizados pola Fundación Rosalía en Santiago de Compostela.

Até o momento realizáronse máis dunha ducia publicacións, entre as que se atopan vídeos de escritoras e artistas como Rosalía Fernández Rial ou Larraitz Urruzola, así como doutras creadoras como Zaza Ceballos, Iria Ribadomar ou Sandra de Rego, que nos falaron da vixencia e a influencia da obra de Rosalía hoxe en día. A idea responde á necesidade de trasladar á rede os contidos do que en edicións anteriores foi o Festival Rosalía xunto coa feira de produtos diversos creados arredor da escritora. Ademais, nesta nova edición deuse inicio á serie de publicacións #Rosalía7lugares para coñecermos diferentes localizacións relevantes relacionadas coa vida da autora.

Nos días seguintes, e até o día 3 de marzo, irán publicándose novas achegas e coñecendo novas perspectivas sobre Rosalía, como a da escritora Antía Yáñez, das músicas Guadi Galego ou Aid, así como do mundo do teatro, da man de Tero Rodríguez e Nate Borrajo, ou da creación, como a iniciativa 'Rosalía pioneira' de Punto e coma, ou as de OZOCOgz e Rei Zentolo. Redes Sociais: @daccultura Gabinete de Prensa Deputación da Coruña

Páxinas suxeridas