Estás en:Novas

A Deputación financia en Zas e Mazaricos un proxecto piloto de FRUGA para promover a compostaxe nos concellos rurais da provincia

En primeira instancia están a traballar nestes dous concellos, coa intención de estender este programa a máis municipios da provincia

Actualmente están levando a cabo un diagnóstico da xestión de residuos nestes dous concellos para despois realizar un traballo de campo que inclúe: divulgación, selección de participantes, formación e asesoramento

Blas García destaca a importancia de estender a autocompostaxe polo rural coruñés, xa que contribuirá a "establecer un modelo de economía circular en beneficio de toda a veciñanza porque, por unha banda, reducirase a factura de recollida de residuos do concello e, pola outra, as familias xerarán un recurso para mellorar a fertilidade das súas terras".

A Deputación financia en Zas e Mazaricos un proxecto piloto de FRUGA para promover a compostaxe nos concellos rurais da provincia

A Deputación da Coruña financiará con 48.000 euros un proxecto piloto da Federación Rural Galega (FRUGA) para implantar un modelo de tratamento dos residuos baseado na compostaxe nos concellos rurais da provincia.

A través dun convenio, que vén de ser aprobado na comisión de Promoción Económica que será referendado definitivamente polo pleno o vindeiro venres, a Deputación destinará 48.000 euros para financiar este programa, o que supón un 79,55% do total do orzamento que dispón FRUGA para levar a cabo as diferentes actividades programadas e sufragar os gastos que isto supón.

O deputado responsable da área de Promoción Económica, Blas Gracía, explicou que o proxecto xa está en marcha e, nunha primeira fase, "desenvólvese nos concellos de Zas e Mazaricos coa intención de estendelo a máis municipios da provincia se ten éxito, co obxectivo de concienciar á poboación da necesidade de reducir a deposición de restos orgánicos nos contedores e de presentarlles a opción do seu aproveitamento".

Actualmente os traballadores do programa están a levar a cabo un diagnóstico, o máis preciso posible, da situación na que se atopan estes dous concellos con respecto á recollida de lixo así como do importe da factura que supón a súa xestión.

A partir destes datos definiranse os obxectivos a acadar, como poden ser o número de vivendas nas que actuar ou os sectores produtivos sobre os que se quere incidir, ademais de marcar os diferentes actos divulgativos e formativos a realizar coa poboación.

"Logo, chegará a quenda do traballo de campo cos participantes que se decidan a dar o paso e iniciar o proceso de autocompostaxe, para o que se fará un acompañamento por parte do persoal encargado de impartir as actividades formativas", explicou o deputado de Promoción Económica.

Blas García destacou a importancia de estender a autocompostaxe polos fogares da provincia xa que contribuirá a "establecer un modelo de economía circular en beneficio de toda a veciñanza porque, por unha banda, reducirase a factura de recollida de residuos do concello e, pola outra, as familias xerarán un recurso que acrecenta a fertilidade das súas terras".