Estás en:Novas

González Formoso destaca a “vontade real” amosada polas diferentes administracións para que os plans para o futuro do porto da Coruña sexan unha realidade

O presidente da Deputación da Coruña participou hoxe na comisión convocada pola alcaldesa do Concello da Coruña, Inés Rey, para desatascar a situación desta infraestrutura

As administracións implicadas acadaron o compromiso de buscar financiamento europeo para a conexión ferroviaria de Langosteira, reestruturar a débeda da Autoridade Portuaria cunha moratoria ata 2035 e crear unha comisión de traballo

González Formoso subliñou a importancia "do compromiso acadado para responder a unha necesidade que está a reclamar unha provincia que supón o 50% do PIB de Galicia"

No encontro participaron tamén representantes do Goberno de España, Xunta de Galicia, Puertos del Estado, Autoridade Portuaria e ADIF.

González Formoso destaca a “vontade real” amosada polas diferentes administracións para que os plans para o futuro do porto da Coruña sexan unha realidade

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe na comisión convocada pola alcaldesa do Concello da Coruña, Inés Rey, para abordar o futuro do porto da Coruña e, á saída desta, quixo destacar a “vontade real” que amosaron as diferentes administracións implicadas para desatascar a situación desta infraestrutura.

No encontro, celebrado no Salón Dourado de María Pita, participaron tamén o presidente de Puertos del Estado, Francisco Toledo, a presidenta de ADIF, Isabel Pardo de Vera; o secretario xeral de Infraestruturas, Sergio Vázquez; a conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Ethel Vázquez; o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor; e o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández. 

No marco desta reunión as diferentes administracións acadaron os seguintes compromisos: o Goberno comprométese á busca de financiamento europeo para a conexión ferroviaria de Langosteira, a reestruturación por parte de Puertos del Estado da débeda da Autoridade Portuaria para garantir a súa viabilidade cunha moratoria ata o ano 2035 a través da rendibilización dos activos e, por último, a constitución dunha comisión de traballo no prazo dun mes para a elaboración dun novo protocolo e plan de traballo que terá que estar listo en 6 meses. 

González Formoso explicou que “dar seis meses de prazo foi algo moi meditado nesta comisión xa que se calculou exactamente o prazo necesario que as administracións con competencias poidan presentar este estudo” e subliñou a importancia “dos compromisos acadado para responder a unha necesidade que está a reclamar unha provincia que supón o 50% do PIB de Galicia, un motor económico que necesita ter os mecanismos idóneos para seguir a ser un territorio competitivo e para iso esta é unha infraestrutura imprescindible.

Aínda así, o presidente provincial quixo ser cauto xa que “no escenario actual hai que acudir á axuda das autoridades comunitarias pero temos que ter en conta que se solicitará nun marco de crise económica e isto dificulta enormemente a concesión deses fondos”.

Por último, quixo dar as grazas á alcaldesa “por convocar unha reunión que consideramos histórica e por liderar e promover a solución dunha infraestrutura estratéxica” para A Coruña, a provincia e Galicia.