Estás en:Novas

A Deputación insta á Xunta a incrementar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar, conxelado desde 2012

O orzamento dedicado ao servizo, que é competencia da administración autonómica, non se axusta á realidade do prezo/hora actualmente vixente

O pleno deu luz verde á moción que demanda este aumento, necesario para garantir unha prestación de calidade e con mellores condicións de traballo para os e as súas profesionais.

A Deputación insta á Xunta a incrementar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar, conxelado desde 2012

A Deputación da Coruña insta á Xunta de Galicia a incrementar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), competencia da administración autonómica, para garantir un servizo de calidade e con mellores condicións laborais para as e os seus profesionais.

O pleno provincial deu hoxe luz verde á moción que recollía esta demanda, impulsada por PSOE e BNG e que foi aprobada cos votos favorables destas dúas formacións e de Marea Atlántica e a abstención do Partido Popular.

O SAF é un dos recursos máis demandados para a atención a persoas dependentes, contando con máis de 24.000 usuarios e usuarias en toda Galicia. Aínda que este servizo é competencia da Xunta, a súa xestión foi derivada de forma impropia aos concellos. Ademais, o financiamento destinado por parte da administración autonómica para este servizo leva sen actualizarse desde o 2012, polo que a Xunta achega desde entón a mesma cantidade de 9,7 euros a hora, contía insuficiente para un servizo que hoxe ten un custe de 26,74 euros/hora, o que obriga aos concellos a asumir a diferenza. Esta situación é completamente insostible e polo tanto a Deputación insta á Xunta a incrementar o orzamento dirixido ao SAF.

Cabe destacar que a Deputación, que este ano financiará máis de 300.000 horas de axuda no fogar, cofinancia este servizo con 12 euros/hora, fronte aos 9,7 da Xunta de Galicia.

A Deputación entende que o presuposto destinado a dito servizo pola Xunta de Galicia "debe incrementarse de modo que se axuste á realidade do prezo/hora actualmente vixente para que esta prestación sexa de máxima calidade e conte coas mellores condicións para as persoas profesionais do ámbito".

O acordo plenario será trasladado ao Parlamento de Galicia e á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para o seu coñecemento e efectos.

Impulso á Rede de Concellos pola Igualdade

No pleno de hoxe aprobouse tamén unha declaración institucional de cara á conmemoración do vindeiro 8 de marzo do Día das Mulleres na que, entre outros acordos, fíxase o impulso á Rede de Concellos pola Igualdade tal e como se recolle na Diagnose e plan de acción de igualdade co obxectivo de que mediante a colaboración e a coordinación as medidas e accións teñan o maior impacto posible e contribúa deste xeito a unha maior prevención, formación e acompañamento.

No texto que contou co apoio de todos os grupos do pleno recoñécense as convocatorias do feminismo galego que neste 2021 colocan no centro do debate os coidados e as consecuencias para as mulleres do sistema económico, social e político no que vivimos, agravadas polo impacto da pandemia da covid-19.

Ademais, reafirmase o compromiso da Deputación da Coruña en poñer a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes nun lugar central dentro da política pública (económico, social, laboral etc.) de modo que a perspectiva de xénero se incorpore a todos os niveis e en todas as etapas, creando as condicións necesarias que permitan dinamizar as políticas de igualdade.

Apoio á bonificación de peaxes na AP-9

A Deputación instará ao goberno do Estado a establecer de maneira inmediata un sistema de bonificacións de peaxes na AP-9 "que rebaixe o custo da autoestrada e o seu impacto nos petos das familias e na competitividade das nosas empresas e no noso territorio", como consta na moción presentada polo PP que foi aprobada co apoio dos votos de todos os grupos a favor agás o PSdG-PSOE que lamentou a que o PP vetara a posibilidade de chegar a un acordo de todas as forzas políticas sobre dúas cuestións fundamentais en referencia á AP-9.

O portavoz socialista, Bernardo Fernández, destacou que o seu grupo pide a execución inmediata dos 68,3 millóns de euros consignados polo Goberno de España nos Orzamentos Xerais do Estado do 2021 para bonificacións de peaxes e supresión da suba anual do 1%, así como a activación do proceso de transferencia da autoestrada a Galicia e lembrou que foi un goberno do PP o que privatizou Audasa, o que prorrogou a concesión, que remataba en 2012, ata o 2048 e o que votou en contra ata en dúas ocasións do traspasado da AP-9 a Galicia.

Co voto negativo de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños foi rexeitada a moción do grupo popular que reclamaba incrementar os fondos destinados ao PEL para paliar os efectos da crise sanitaria, no mesmo pleno no que se aprobou unha dotación extraordinaria de 12 millóns de euros para un novo plan de axudas aos sectores máis afectados pola pandemia e achegas de 3 millóns de euros para apoiar os plans de reactivación das cidades da Coruña, Ferrol e Santiago.

Tamén foi rexeitada a moción na que Marea Atlántica quería instar á Xunta a paralizar a proliferación incontrolada de novos parques eólicos en canto non se elabore un novo plan con participación social, repotenciación dos xa existentes e priorización da xeración distribuída en pequenos parques ou autoconsumo e non sexa iniciada a tramitación da ampliación da Rede Natura 2000. A moción foi rexeitada cos votos do PSdG-PSOE e PP e a abstención do BNG e Alternativa dos Veciños.

Páxinas suxeridas